Queremos Galego pechou esta mañá a campaña de difusión da mobilización do 17 de maio no Calvario, en Vigo, o barrio no que naceu e viviu Begoña Caamaño. O voceiro da plataforma, Marcos Maceira, destacou o activismo da homenaxeada no Día das Letras “na defensa de todas as causas xustas”.
“Tamén na defensa do idioma”, recordou Maceira, “presente en toda a súa actividade, como profesional do xornalismo, como socia da Mesa pola Normalización Lingüística ou apoiando todas as accións e convocatorias pola lingua, nomeadamente nos seus últimos anos, contra o decreto contra o galego no ensino”. “Begoña Caamaño seguirá camiñando connosco este 17 de maio polas rúas de Compostela”, concluiu Marcos Maceira.
A plataforma Queremos Galego percorrerá as rúas de Santiago de Compostela este domingo, día 17 de maio, xunto con ducias de entidades sociais e institucións públicas, reivindicando a presenza da nosa lingua en todos ámbitos e pedíndolle á Xunta que dea resposta á “emerxencia lingüística” e ao Partido Popular de Galicia que abandone a súa belixerancia contra o galego, representada esta última semana pola eliminación da área de Promoción da Lingua por parte do novo goberno municipal de Lugo.
“Resulta chamativo e mesmo simbólico que unha das primeiras medidas que toma Elena Candia nada máis chegar ao poder municipal en Lugo sexa eliminar os mecanismos de defensa e protección da nosa lingua”, advertiu Maceira, “a mesma semana das Letras, na que o presidente da Xunta e outros persoeiros do PP presumen de estar traballando arreo na súa normalización”.
A plataforma agarda unha manifestación multitudinaria que volva demostrar o amplo apoio social que ten o noso idioma e as políticas destinadas a reverter a situación de emerxencia lingüística concretadas no Protocolo Lingua vital no que traballaron centos de colectivos sociais de todos os sectores para asegurar o noso idioma no ensino, nos servizos públicos, no ámbito socioeconómico, na cultura, nos medios de comunicación ou na acción exterior e a lusofonía. A cita é as 12h na Alameda.

