A Mesa pola Normalización Lingüística participou nas convocatorias das traballadoras e traballadores dos servizos de teleatención e mostra a súa solidariedade coas afectadas e afectados polo ERE en Extel
A Mesa pola Normalización participou na xornada de folga nos servizos de teleatención, un sector que en Galiza só no periodo 2010-12 reducíu en 2000 o número de empregos a consecuencia dos despedimentos e da deslocalización. Esta situación teríase evitado se as empresas garantisen o dereito a sermos atendidos e entendidos en galego.
Ao solicitarmos ser atendidas e atendidos en galego podemos recuperar o tempo perdido. Temos dereito a falar na nosa lingua en todos os ámbitos da nosa vida. Temos dereito a que nos servizos de atención á clientela traballe xente que nos entenda e atenda en galego. En galego creamos emprego en Galiza.