Representantes da vida política, social e cultural galega recibiron esta tarde no Salón nobre do Pazo de Fonseca as delegacións asistentes á Asamblea Xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) que se celebrará hoxe e mañá en Compostela.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu as delegadas e delegados que acudiron á Asamblea Xeral dende toda Europa en representación de 47 linguas, nun evento no que tamén tomaron a palabra Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela; Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago de Compostela; e Pilar García Negro, corredactora da Declaración universal de dereitos lingüísticos; ou María Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo, que salientou que a celebración da Asamblea Xeral de ELEN convirte a Santiago de Compostela por uns días na capital europea das linguas.
Davyth Hicks, secretario xeral de ELEN, e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, dirixíronse en calidade de organizadores da Asamblea tanto ás e aos visitantes como ás outras personalidades de relevancia presentes no acto, como -entre moitas outras- Valentín García, secretario xeral Política Lingüística da Xunta de Galiza; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Vítor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega; Cesar Fernández Gil, vicepresidente da Deputación de Ourense; Xosé Lois Penas Corral, deputado da Deputación da Coruña; Justo G. Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego; Mercedes Queixas Zas, deputada do BNG no Parlamento de Galiza; Noa Díaz, deputada do PSdG-PSOE no Parlamento de Galiza; ou Celia Armas, secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística.
Despois do nomeamento de Paul Bilbao Sarria, secreatario xeral da organización basca Kontseilua, como socio de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, pechou o acto unha actuación de Guadi Galego, que interpretou algúns temas do seu Inmersión, “pop galego en todas as linguas da península” e, tamén, en todas as linguas presentes na Asamblea, na voz das persoas asistentes.