RTVE compromete contidos en galego en Clan antes de fin de ano, aplicando o acordo coa Mesa

O presidente de RTVE, José Pablo López, comunicouse formalmente coa Mesa pola Normalización Lingüística para dar conta da “incorporación progresiva” de contidos en galego ás canles de televisión estatais, comprometendo o comezo da emisión de programación infantil dobrada á nosa lingua en Clan antes de finais de ano, co obxectivo de “ampliar as posibilidades de elección e reforzar a diversidade lingüística na nosa oferta infantil”.

López avanzou que entre os contidos previstos figura a serie infantil Momonster, xa cunha dobraxe avanzada á nosa lingua, pero afirma que a oferta se irá ampliando progresivamente, “en función da dispoñibilidade das versións lingüísticas e dos dereitos de emisión de cada produción”. O modelo previsto é a emisión en dual, como xa se está facendo na retransmisións deportivas. O presidente do ente televisivo estatal vencella a emisión co cambio de canles previsto para o 5 de novembro, dentro do plan de resintonización, polo que non compromete unha data definitiva ata “a confirmación de que o sistema está preparado para a súa posta en marcha”.

A Mesa espera que o paso anunciado por López se sume axiña ao resto dos compromisos adquiridos polo presidente de RTVE, nunha xuntanza mantida co presidente e coa secretaria xeral da entidade de defensa da lingua na que comprometeu o aumento de contidos en galego en TVE, en Clan e en RNE.

Naquela xuntanza, A Mesa reclamáralle ao máximo responsable da RTVE celeridade no cumprimento da lexislación, lembrando que só 0,9 dos contidos audiovisuais están en galego e que RTVE debe cumprir os mínimos que estabelece a lexislación incorporando o galego aos seus contidos en Clan e asegurando que cando menos o 2,5% dos seus contidos están en galego. A Mesa recordou que o Estado debe garantir unha radio e unha televisión en galego tal e como establece o artigo 11 da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.

A Mesa resalta os avances conseguidos con grade esforzo polo conxunto da sociedade galega a través da mobilización e da Iniciativa popular Xabarín. E recorda que estes avances están a ser postos en cuestión polo propio goberno da Xunta do Partido Popular que lonxe de cumprir a obriga de promover o galego, aprobou unha lei de medios públicos que abre a porta a que a TVG deixe de usar o galego e a reducir máis a escasa oferta audivisual na nosa lingua.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra