RTVE dá o primeiro paso no cumprimento do compromiso adquirido coa Mesa e aumenta os contidos en galego

O presidente de RTVE, José Pablo López, anunciou hoxe a retransmisión en galego de determinados partidos de fútbol, como primeiro paso para “reforzar o seu compromiso coa pluralidade lingüística”. A Mesa espera que o paso anunciado hoxe por López sexa o primeiro de todos os compromisos adquiridos o pasado mes de marzo, nunha xuntanza mantida co presidente e coa secretaria xeral da entidade de defensa da lingua.

O presidente de RTVE garantiu, nesa xuntanza, que antes de rematar o ano 2025 habería un aumento de contidos en galego en TVE e comezarían as emisións en galego en Clan. No mesmo encontro, López asegurou aos representantes da asociación a favor do galego que tamén se incrementaría a presenza da nosa lingua nos contidos radiofónicos do ente estatal.

Naquela xuntanza, A Mesa reclamáralle ao máximo responsable da RTVE celeridade no cumprimento da lexislación, lembrando que só 0,9 dos contidos audiovisuais están en galego e que RTVE debe cumprir os mínimos que estabelece a lexislación incorporando o galego aos seus contidos en Clan e asegurando que cando menos o 2,5% dos seus contidos están en galego. A Mesa recordou que o Estado debe garantir unha radio e unha televisión en galego tal e como establece o artigo 11 da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.

A Mesa resalta os avances conseguidos con grade esforzo polo conxunto da sociedade galega a través da mobilización e da Iniciativa popular Xabarín. E recorda que estes avances están a ser postos en cuestión polo propio goberno da Xunta do Partido Popular que lonxe de cumprir a obriga de promover o galego, aprobou unha lei de medios públicos que abre a porta a que a TVG deixe de usar o galego e a reducir máis a escasa oferta audivisual na nosa lingua.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra