Sara Seco, creadora de contido e membro da xunta directiva da Mesa, participou no encontro internacional sobre linguas minorizadas e creación dixital

Sara Seco participou como representante galega en Plurilingmedia, un encontro internacional dedicado ás linguas minorizadas e á creación dixital que se celebrou os días 3 e 4 de setembro en Barcelona.

Sara Seco foi única participante galega nun programa que reúne creadoras, investigadoras e representantes de organizacións e medios de diferentes comunidades lingüísticas europeas. O encontro celebrouse na Sala Mirador do Col·legi d’Arquitectes de Catalunya e foi organizado localmente por Carmina Crusafon, da Fundació Accent Obert e a Universitat Autònoma de Barcelona.

“Para min é unha oportunidade moi especial formar parte deste evento como representación galega e poder levar a realidade e a experiencia de crear contido en galego a un espazo europeo no que se está a debater sobre o presente e o futuro das linguas minorizadas nos medios e no ámbito dixital”, explica Sara Seco.

Durante as dúas xornadas, as persoas participantes compartiron a situación da creación de contidos nas súas respectivas comunidades lingüísticas, analizan os desafíos comúns aos que se enfrontan e exploran vías de cooperación.

O programa incli presentacións, grupos de traballo e debates sobre a relación entre as linguas minorizadas, as políticas públicas e os novos ecosistemas de comunicación.

Entre as iniciativas que se dan a coñecer figuran a Llista, directorio de creadoras e creadores de contido en catalán, e os Premis CRIT, ademais da Casa de la Creació e do ecosistema de contidos dixitais de 3Cat dirixido ao público máis novo.

Para Sara Seco, as plataformas sociais desempeñan un papel decisivo na vitalidade das linguas: “As redes sociais son hoxe un espazo fundamental para a presenza e a normalización das linguas, especialmente entre as xeracións máis novas. Crear contido en galego é tamén demostrar que a nosa lingua pode estar presente de maneira natural en novos formatos, comunidades e espazos de comunicación”.

A cita busca ter actividade futura máis alá destas dúas xornadas. De feito, un dos retos é identificar creadoras e creadores de diferentes comunidades lingüísticas que empregan linguas minorizadas no ámbito dixital e avanzar na creación dunha rede europea que favoreza o intercambio de coñecementos, ferramentas e experiencias

“Participar neste encontro permitiume compartir o que estamos facendo desde Galiza, pero tamén coñecer outras realidades lingüísticas, aprender das súas experiencias e establecer pontes con persoas e proxectos que, desde diferentes lugares de Europa, traballan para que a diversidade lingüística tamén teña o seu espazo no mundo dixital”, conclúe Sara Seco.

O workshop forma parte de Plurilingmedia – Language Plurality in Europe’s Changing Media Sphere, unha iniciativa europea orientada ao estudo e á promoción da pluralidade lingüística nun panorama mediático en transformación. No encontro participaron representantes de universidades, medios e organizacións como o European Centre for Minority Issues, Cardiff University, University of Warsaw, Universitat Autònoma de Barcelona, Universitat Oberta de Catalunya, University of the Basque Country, Conradh na Gaeilge, Tinopolis Cymru, Afûk ou A Mesa pola Normalización Lingüística.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra