Noticias Noticias da Mesa

O SERGAS elimina o galego nas súas enquisas

A Mesa denuncia que se está a excluír a lingua galega de xeito sistemático no traballo diario

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización volta a rexistrar unha denuncia contra o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) por unha nova exclusión da lingua galega, neste caso, na realización dunhas enquisas da Área de Xestión Integrada de Santiago de Compostela.

Desde a Área de Xestión Integrada enviaron un correo no que se lle pedía ao persoal sanitario e non sanitario que realizase unha enquisa sobre a seguridade do paciente. Nesta enquisa excluíuse a lingua galega e só se podía realizar en castelán.

A Mesa denuncia que este é un novo caso de incumprimento da lexislación vixente, como é a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística na que se claramente se vulnera o artigo 2  no que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma. Do mesmo xeito incumpre os preceptos dispostos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no que se recollen medidas a desenvolver para normalizar o idioma no ámbito da administración sanitaria.

O presidente da Mesa Marcos Maceira, explicou que só neste ano 2017, a Mesa –a través da Liña do Galego- xa tramitou máis de 25 queixas e denuncias contra o SERGAS por vulneración de dereitos lingüísticos e exclusión do idioma propio de Galiza. Segundo Maceira “esta é unha nova mostra de como o SERGAS está a prescindir do galego no seu traballo cotiá sen importarlle pasar por riba da lexislación”.

Desde a entidade en defensa e promoción da lingua demandamos que a administración pública cumpra coas obrigas legais que ten encomendadas, entre elas, tamén está a promoción e normalización do galego.

Finalmente Maceira apuntou que a Secretaría Xeral de Política Lingüística debería comezar a cumprir co seu cometido e non facer ouvidos xordos ante as reiteradas discriminacións que sofren, non só doentes senón tamén o persoal sanitario, pois “recibir atención en galego tamén suporía unha mellora na calidade asistencial”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis