”Si están interesados en obtener respuesta, no duden en enviarnos su solicitud en castellano””

A DXT pide que só se lle envíen documentos en castelán e deturpa a toponimia galega

A DXT vulnera os dereitos lingüísticos ao solicitar que só se lle envíen documentos en castelán

 

A Unión de Consumidores de Galiza denuncia a sorprendente resposta que recibiu da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) ao lles trasladar unha cuestión escrita en galego: “Si están interesados en obtener respuesta, no duden en enviarnos su solicitud en castellano”.

O  Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística,  indica no seu artigo 4.1  que  «o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa administración, da administración local e das entidades públicas dependentes da comunidade autónoma ».

Ademais o artigo 13 da Lei do procedemento administrativo común das administración públicas recoñece no seu apartado c) o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma, de acordo co previsto na lei e no resto do ordenamento xurídico.

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou recolle no artigo 2.b) que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarias de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

“Esta resposta da DXT é unha mostra das importantes dificultades para garantir o dereito de utilizar o galego perante a administración estatal. O Estado español incumpre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias ao non  admitir que se presente documentación neste idioma.” Apuntou Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Ademais, no mesmo documento aparece deturpado o topónimo da Coruña, a pesar de ser  A Coruña a única forma legal e oficial. A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística recolle no artigo 10 que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra