Tecnoloxía / Siri xa pode ler en galego

A nova actualización iOS 16 para iPhone trae unha novidade positiva para a nosa lingua: o sistema é agora capaz de ler contidos en galego. Un primeiro paso para que os dispositivos da mazá acaben falando a nosa lingua.

Un logro que vén despois de ducias de denuncias que tramita A Liña do Galego, servizo que presta A Mesa pola Normalización Lingüística para a tramitación de queixas, consultas e parabéns relacionadas cos dereitos lingüísticos, dirixidas á empresa que se encontra en Palo Alto.

O que de momento desenvolveu Apple son as voces básicas nas diferentes linguas do Estado (galego, éuscaro e catalán) para poder ler texto a persoas que necesiten esa función de accesibilidade. Podes encontrar as voces en Axustes > Accesibilidade > Contido lido > Voces.

Isto sen dúbida abre as portas a que nunha futura versión, Siri inclúa soporte para todas as linguas do Estado, que a partir de aquí o traballo consistirá en seguir mellorando esas voces e engadir a comprensión ante ordes de voz.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra