Só o 2,42% dos centros de infantil das cidades declaran impartiren maioritariamente aulas en galego

A Mesa presenta o estudo 2013/14 sobre o galego nas aulas de infantil, que mostra a aceleración do proceso de eliminación do galego do ámbito educativo

Só 11 dos 289 centros de infantil consultados dispoñen de material didáctico en galego

Marcos Maceira: “Feixó ten que pór fin a este quinquenio negro para a nosa lingua”

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2014. – A Mesa pola Normalización Lingüísitica presentou hoxe o estudo 2013/14 sobre a presenza do galego nas aulas de infantil das sete cidades galegas, no que foron consultados 289 centros públicos e concertados da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago de Compostela. Como resultado para o conxunto de Galiza, só o 2,42% dos centros de Educación Infantil das cidades (fronte os 3,19 do curso pasado), declaran impartir maioritariamente a docencia en galego e só o 4,15% declara impartir a metade das horas lectivas na lingua propia do país. Do 94,43 restante que imparten maioritariamente en castelán, só 2 centros indican chegaren ao 33% de docencia en galego.

 

Á ausencia da lingua galega das aulas, súmase a ausencia de materiais didácticos en galego, nunha porcentaxe inferior mesmo á da presenza do galego. Só 11 dos 289 centros de infantil consultados dispoñen de material didáctico en galego, como cadernos de aprendizaxe. É rechamante que os propios centros se queixen de que malia as súas solicitudes a Xunta non fai nada por dotalos de material, o que para a Mesa é indicativo da falta de interese da administración por dotar os centros que usan o galego de ferramentas de traballo dignas.

 

Para as Mesa pola Normalización Lingüística estes datos son indicativos de como funcionou o Plan de demolición lingüística da Xunta de Feixó e de como se está a acelerar do proceso de eliminación do galego do sistema educativo.

 

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, cualificou o goberno de Feixó de “quinquenio negro para lingua galega”, marcado por un “desprezo que loxicamente se corresponde co desprezo que en xeral mostra cara ao pobo galego”. “Galiza é o único territorio do Estado español con lingua propia diferente do castelán onde acontece algo semellante do que está a acontecer nas cidades galegas” salientou Maceira.

 

Neste sentido, a Mesa chamou máis unha vez a Xunta a deixar de perseguir o galego no ensinio e retornar ao consenso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade parlamentar sendo Feixó Vicepresidente, e derrogar dunha vez por todas o actual Decretazo contra o galego que tan nefastas consecuencias está a ter para a lingua propia de Galiza.

 

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra