A Mesa pola Normalización Lingüística

“Tanatomaquillaxe”, artigo de Carlos Callón hoxe en El País

O presidente da Mesa aborda no texto os nomeamentos de Anxo Lorenzo e Valentín García para a Secretaría Xeral de Política Lingüística e replica a unha entrevista que realizou este último nesta semana.

“Tanatomaquillaxe”, por Carlos Callón

Causou abraio en moita xente que Alberto Núñez Feijóo fichase dous lingüistas para executaren as políticas máis agresivas contra o galego en trinta anos. Como se pode comprobar cunha simple procura en internet, antes da derrota electoral do bipartito as persoas que porían rostro á desfeita defendían –ou dicían defender?– todo aquilo que despois destruíron de xeito activo.

Aínda que sexa verdade que tanto Anxo Lorenzo como Valentín García colaboraron co departamento de Política Lingüística que dirixiu o PSOE entre 2005 e 2009, non é menos certo que as participacións de ambos foron xusto no peoriño e no máis criticado desa etapa por parte do movemento social do idioma propio. Quen o quixer comprobar pode consultar as hemerotecas, onde se garda testemuño de proxectos tan fastuosos como inútiles, aínda que nin ás hemerotecas chegaron outras accións burocráticas que foron puro malgasto.

Para alén dos resultados concretos de xestión, moitas e moitos preguntámonos xa entón que tipo de confiabilidade teñen para desempeñar calquera cargo público –enfatizo: calquera– aqueles que viran total e inmediatamente os seus criterios intelectuais ou políticos segundo os euros que houber enriba da mesa. O problema non é, pois, nin só lingüístico (ou cultural ou educativo) nin só de ética en abstracto, senón en que haxa gobernantes que se caractericen por actuar como mercenarios en troca de pensaren con honestidade no ben colectivo.
Coa perspectiva destes tres anos de mandato parece claro que a pretensión de Feijóo co nomeamento de Lorenzo foi acadar un gran pacto PP-PSOE para producir un retroceso moito maior na oficialidade do idioma propio. A histórica participación social nas mobilizacións convocadas pola Mesa e por Queremos Galego, así como a postura non colaboracionista da inmensa maioría da vida cultural do país, desbaratárono. Lorenzo, por riba, non tivo outra que asumir no seu departamento os maiores recortes orzamentarios da Xunta. Ficou así sen case posibilidades de usar a chequeira que precisaría para estender unha rede “amiga” na cultura, tan práctica durante o fraguismo. Aínda que con limitacións polas prexudicadas partidas, é isto o que se pode agardar das súas novas funcións.

Mentres, Valentín García chegou ao cargo cun continuísmo que mantén en precario os dereitos lingüísticos. Hai que recoñecer que mellorou a corrección institucional, de que sempre careceu Lorenzo, mais nesa luva de veludo non se agocha máis que un esforzado aprendiz de tanatomaquillaxe. Abonda con ler –quen non o fixese, por favor, que o faga– a entrevista que esta semana publicaba El País, na cal realiza afirmacións que enrubian a calquera sociolingüista ou calquera persoa con amor pola cultura.
O seu obxectivo é conseguir unha morte doce para o galego, un declinio sen contestación social, e para iso acode ao mesmiño termo que acuñou hai xa lustros Fraga Iribarne: a “pax lingüística”. Non sei se remedando o retranqueiro título dun libro da miña autoría, En castellano no hay problema, anímanos ás persoas que queremos galego a que baixemos “la presión del gas para decir de una vez que no hay tanto problema”. O caso é que a súa función sería evitar que teñamos problemas para vivir en galego, non alentarnos a que mudemos de idioma para non os ter!

Ademais da súa atufante demagoxia, entra no terreo das mentiras cando nos presenta un mundo feliz, por exemplo no ensino. Neste curso non se cumpre nin co mínimo do teórico 33% do ensino en galego; no mellor dos casos será un 20%, cunha exclusión total no horario do 90% dos nenos e das nenas de menos de seis anos nas sete cidades. Ningún territorio do Estado ten un modelo tan retrógrado!

Mais o cénite do disparate chega cando o gobernante lle pregunta ao xornalista “¿Tú crees que la lengua vehicular es tan importante en la vida de un ciudadano?” Nese momento matinei en que acontecería se unha conselleira ou un conselleiro, por exemplo de pesca, interrogase cun “Pensas que a pesca é tan importante?” O triste é que concluín que, en Galiza, tan estupefacta cos continuados ataques do goberno de Feijóo contra o pobo que debería defender, talvez pouco ou nada acontecese. Mais se Valentín García considera que non é “tan importante” que as persoas queiramos vivir en galego, o mínimo que podería facer era deixar o cargo, porque a verdade é que non hai pan para tanto chourizo.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra