A Mesa pola Normalización Lingüística trasladoulle á Secretaría da Carta de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa as declaracións á imprensa do Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixó, e mais do Secretario Xeral e Politica Lingüística, Valentín García, desprezando o traballo do Comité de expertos e a resolución do Comité de Ministros do Consello de Europa. “Lonxe de informar e realizar os esforzos necesarios para atender as súas recomendacións”, advirte Marcos Maceira, presidente da Mesa, na súa misiva ao Consello de Europa, “o Presidente da Xunta e altos representantes do seu goberno optaron por desprezar, descualificar e manipular en público o contido do informe do Comité de expertos e da resolución do Comité de Ministros”.
Para Maceira, as declaracións emitidas os pasados días por representantes de primeiro nivel do goberno galego manifestan “un forte desprezo pola Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, polo Comité de expertos e polo Comité de Ministros” e faltan á verdade, xa que no proceso de monitorización foron atendidas tanto as opinións de organizacións como a propia Mesa, que entregou un amplo e documentado informe, como as de institucións académicas ou as da propia Xunta de Galiza, a través do Secretario Xeral de Política Lingüística. Ademais, recorda o presidente da Mesa, a opinión do goberno autónomo foi incluída no informe emitido polo Estado español. “Pensamos que desprestixiar os procedementos de monitorización da Carta”, remata Maceira, “o Comité de expertos independentes ou organizacións internacionais para a promoción dos dereitos humanos, a democracia e a lei como o Consello de Europa, non son admisíbeis de ningún punto de vista, e que atentan con moita claridade contra o artigo 6 da Carta”.
Por todo isto, A Mesa solicítalle á Secretaría da Carta de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa que inste á Xunta de Galiza a que rectifique as declaracións cuestionando o traballo do Comité de expertos, informando ao goberno galego do compromiso adquirido polo Estado español en relación a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas e recordándolle que entre os obxectivos do Consello de Europa están a promoción dos dereitos humanos e a democracia.
MOBILIZACIÓNS PARA RECLAMAR QUE SE CUMPRAN AS DEMANDAS DE EUROPA
A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, chama a cidadanía galega a mobilizarse nas sete cidades galegas esta quinta feira (xoves) 19 de decembro, ás 20h, “en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE” e para “reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa”. O lema da convocatoria será Emerxencia lingüística. Precisamos do galego, e terá lugar nas 7 cidades galegas simultaneamente. En Santiago, na Praza do Toural; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na Praza Amada García (diante da delegación da Xunta); en Lugo e en Ourense, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en Vigo; na Praza da Princesa.
A plataforma lembra que o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente nos ámbitos que son da súa competencia. Neste sentido, a entidade recorda que as dificudades de uso do galego na xustiza ou na administración xeral do Estado deben ser resoltas, comezando por garantir o coñecemento de galego de todo o funcionariado estatal destinado en Galiza.
“A situación é de emerxencia e o galego é necesario para o desenvolvemento cultural, social, económico e humano de Galiza”, recordan: “Precisamos do galego para Galiza existir “.