A Mesa pola Normalización Lingüística

Tuenti incorpórase a Abertos ao Galego

O Premio Abertos ao Galego inclúe a participación no proxecto durante un ano

 

Desde esta semana Abertos ao Galego ten entre os seus membros á empresa Tuenti, gañadora da primeira edición do premio que leva o mesmo nome do proxecto. A rede social, que dispón de versión en galego e atención na nosa lingua para os seus usuarios, vai formar parte de Abertos ao Galego durante un ano, xunto co resto das empresas participantes (www.amesanl.org/abertosaogalego).

 

 

Abertos ao Galego é o proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para a dinamización do galego no ámbito empresarial. A creación do Premio responde ao obxectivo de prestixiar o traballo das empresas que traballan en galego e que o van incorporando ao seu traballo diario. O xurado valorou moi positivamente o impacto que ten Tuenti entre a mocidade, ademais da relación entre galego e uso das novas tecnoloxías. 

 

 

Algunhas das actividades que promove Abertos ao Galego son o catálogo de Nadal (que se publicou por primeira vez en 2011 e para o que se está a ultimar a edición de 2012), que recolle propostas de agasallo suxeridas polas empresas colaboradoras; campañas informativas sobre a actividade das empresas membro de Abertos ao Galego; actos de divulgación sobre o galego no ámbito empresarial e sobre o propio proxecto; promoción dunha rede de colaboración entre as empresas participantes. 

 

 

O acto de entrega do Premio Abertos ao Galego vaise celebrar o próximo 19 de decembro no Pazo da Pedreira, en Pontevedra, e contará coa participación de representantes de Tuenti. 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra