O galardón entregarase nun acto en Pontevedra o próximo día 19 de decembro
A principal rede social da xente nova, Tuenti, hai xa algúns anos que incorporou o galego como unha opción normal, que escollen sen complexos cada día miles de mozas e mozos. Esta unión de mocidade e novas tecnoloxías fixeron que a primeira edición do premio Abertos ao Galego, outorgado pola Mesa pola Normalización Lingüística, vaia recaer na candidatura presentada por esta empresa nova e con fortísima proxección social.
Tuenti é unha empresa con sede en Madrid, que desde 2009 conta cun tradutor ao galego no seu cadro de persoal, o que permite manter e actualizar a versión en galego da súa rede social con garantías de profesionalidade. Non só fornecen actualizacións, senón que tamén dan soporte na nosa lingua, o que fai imprescindíbel que teñan no seu cadro de persoal traballadores que poidan dar o servizo de atención en galego.
O xurado do premio Abertos ao Galego estivo constituído por Evaristo Rodríguez Carracedo, en representación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Nel Vidal, pola Coordinadora de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística, e os membros da Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística: Carlos Callón, Susana Méndez, Carlos Outeiro, Iria Taibo e Paulo Filgueiras.
Esta é a primeira edición do Premio Abertos ao Galego, que ten o obxectivo de contribuír a prestixiar o traballo das empresas que traballan en galego e animar o conxunto da sociedade a que practique un consumo responsábel coa lingua e cultura do país. O Premio Abertos ao Galego nace baixo o proxecto do mesmo nome da Mesa pola Normalización Lingüística, un certificado de uso do idioma propio para empresas, desde o que se promoven iniciativas destinadas a apoiar e dinamizar o uso do galego no ámbito empresarial.
O galardón entregarase o próximo 19 de decembro nun acto que se vai celebrar no Pazo da Pedreira de Pontevedra, organizado en colaboración do Concello da cidade.