A Mesa decidiu implicarse activamente na promoción dun xornal diario en galego como ferramenta imprescindíbel para a normalización do galego. O feito de que non exista limita moito a capacidade de avanzarmos. A nosa lingua é única das oficiais no Estado que non contan con ningún xornal en papel. A única maneira de conseguilo é a través do compromiso colectivo nun medio en galego, feito pensando en Galiza e comprometido coa realidade e pluralidade de Galiza. Para ser posíbel, este compromiso débese concretar en cando menos 3000 asinantes antes do 31 de xullo.
Entramos, xa que logo, nos derradeiros días dunha campaña que se fechará o 31 de xullo. No seguinte enlace (www.odiariogalego.gal) tes información máis completa do proxecto e formularios de asinatura, que só se fará efectiva no caso de que se chegue ao número dito de 3.000 compromisos firmes, pois do contrarIo desistiriamos.
Nos últimos 2 meses A Mesa colaborou con este proxecto organizando presentacións públicas do proxecto mais, se aínda non puideches asistir a ningunha e queres coñecer e debater o contido da proposta, aínda teremos unha no marco do FESTIGAL, o mércores 25 de xullo, ás 6 da tarde, na Galería das Letras e das Ideas. Alí presentarase o proxecto Sermos O Diario Galego, coa presenza de Margarita Ledo, Comba Campoi e Xoán Costa.