Un cento de activistas acompañan a Marcos Maceira e Sara Seco no xulgado de Padrón, en defensa do dereito a vivir en galego

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, e a tiktoker Sara Seco acolléronse esta mañá ao seu dereito a non declarar no xulgado de Padrón, xa que consideran que é a policía de Rianxo a que ten que demostrar que existiu o delicto de inxurias do que os acusan, por denunciar diante dos medios e nas redes sociais un atestado no que se afirmaba que os traballadores públicos “non tiñan obriga de falar en galego” a quen llo solicitar.

Diante do cento de persoas que os acompañaron na súa entrada ao xulgado, Maceira e Seco aseguraron que “a propia denuncia da policía amosa a falsidade das súas acusacións”, ao converter en “a policía minte nun documento oficial” as declaracións públicas de ambos os dous acusados, advertindo que “a policía mentiulle a un cidadán, tal e como demostra o atestado policial”. “Todo o dito é público”, recordaron Maceira e Seco, “e pode ser facilmente comprobábel por quen teña interese, a través das notas de prensa e dos vídeos en redes sociais”.

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que esta denuncia da policía local de Rianxo atenta contra a liberdade de expresión e contra os dereitos lingüísticos da poboación galega e ten a vontade última de “intimidar e amedrentar a quen ouse pór en evidencia as actitudes hostís á lingua galega”. Actitudes que pretenden preservar, segundo denuncia a entidade de defensa da lingua, “con absoluta impunidade”.

“Esa actitude ficou clara no proceso xudicial contra o cidadán que reclamou o seu dereito á atención en galego”, afirman, “e agora denunciando destacados membros da Mesa por reproduciren a literalidade dun atestado policial e dunha resolución sancionadora da Subdelegación do Goberno na Coruña”. Neste sentido, A Mesa reafirmou a súa vontade de continuar a defender a calquera persoas que vexa vulnerado o seu dereito a empregar o galego sempre e en todo lugar.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra