Un cidadán de Rianxo vai a xuízo por solicitar ser atendido en galego 

A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que Xunta e Estado deben defender os dereitos lingüísticos da cidadanía, pide unha xuntanza co delegado do goberno en Galiza e exixe formación ao respecto para as forzas e corpos de seguridade

O cidadán que foi sancionado por reclamar ser atendido en galego no centro de saúde de Rianxo, en abril de 2021, foi a xuízo esta mañá, despois dun proceso cheo de irregulariedades. Ás portas do xulgado agardábao unha concentración cidadá de apoio á súa “valentía”, por manterse firme na defensa dos dereitos lingüísticos, fronte ao ataque das institucións que deberan defendelos.

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a intención da administración sanitaria, da policía local e da Delegación do Goberno detrás destes feitos é, nas palabras do seu presidente, Marcos Maceira, “amedrentar a calquera cidadán que manifeste intención de exercer os seus dereitos lingüísticos”. “Só así se explica que se admita como válido un atestado no que a policía admite ter mentido a un cidadán sobre as garantías de exercicio dos dereitos lingüísticos recoñecidos pola Lei de emprego público de Galiza, polo Estatuto básico dos empregados públicos, pola Lei de Normalización Lingüística, pola Lei orgánica de Estatuto para Galiza ou pola Carta Europea das Linguas”, afirma Maceira.

Perante esta tentativa da policía de Rianxo e da delegación do goberno español de amedrentar a cidadanía que, amparada pola lexislación, solicite ser atendida en galego, o cidadán afectado, asistido polos servizos xurídicos da Mesa, presentou recurso. A entidade de defensa da lingua recorda que calquera cidadán ou cidadá que vexa vulnerados os seus dereitos lingüísticos pode solicitar axuda a través da Liña do Galego e asegura que se puxeron en contacto coa delegación do goberno en Galiza para pedir unha xuntanza co responsábel e para exixir formación ao respecto para as forzas e corpos de seguridade do Estado, co obxectivo de que esta situación non se volva repetir.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra