Miles de representantes de organizacións políticas, sindicais, sociais, deportivas, culturais, veciñais, colexios profisionais de todo o país participaron esta mañá na praza de Quintana de Santiago de Compostela nunha multitudinaria “asamblea aberta” que culminou coa convocatoria dunha grande mobilización social o 23 de febreiro de 2025, na Praza do Obradoiro.
As entidades representadas neste encontro multitudinario aprobaron, tamén, reactivar a organización da plataforma Queremos Galego coa convocatoria de plenarios en todas as comarcas de Galiza e manter o seu “compromiso inquebrantábel” co idioma, coa acción para repoñelo en todos os espazos onde está excluído.
O encontro, que concluiu coa actuación das Tanxugueiras, comezou coa reflexión do presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, sobre que “os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos”, mais tamén que “cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua conseguiu frear a perda de falantes”.
“Non podemos ter ningunha confianza”, lamentou Maceira, nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas platformas de TV, xustiza, ou xoguetes, ou que ademais de prohibir nalgunhas materias o uso da nosa lingua fomenta nas outras o uso de materiais didácticos que non teñen nada de galego”. “Un goberno de Xunta”, lamentou, “que fala de pacto pola lingua mais non só non contestou as solicitudes de encontro, senón que xa está a propor o uso do castelán na TVG e a eliminación do dereito á atención en galego permitindo o seu descoñecemento polo funcionariado interino”.
“Si cremos que coa implicación da sociedade é posíbel reverter a situación do galego”, afirmou finalmente Maceira. “Comezar a facelo é o que pretendemos con esta convocatoria que será a grande asemblea que dará comezo a unha serie de iniciativas a nivel local, comarcal e nacionla, para darlle un novo pulo ao galego”, rematou.