Unha multitudinaria foliada defendeu esta mañá en Compostela a vitalidade da lingua galega

Unha “macro foliada” na que participaron máis de 45.000 persoas defendeu esta mañá en Compostela a vitalidade da lingua galega. “As cantareiras, a quen homenaxeamos este 17 de maio, recolleron a nosa historia, a nosa tradición, a nosa idiosincrasia, nun repertorio que nos legaron a través dun percorrido de séculos e fixérono na lingua que o orixinou”, salientou a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, dende o palco da praza do Obradoiro, “a nosa lingua”.

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, afirmou ante unha praza do Obradoiro repleta que “este 17 de maio é histórico e é decisivo”. “Os nosos netos e as nosas netas poderán dicir con orgullo que viven en galego porque os seus pais e nais, avós e avoas defenderon o idioma que é seu e fixeron todo o posíbel e o imposíbel para restituílo e derrotar os programas de destrución”, destacou.

“Tentaron desactivarnos en novembro fronte ao multitudinario plenario de Queremos Galego, en febreiro perante a manifestación masiva nestas rúas”, asegurou Maceira, “mais non conseguiron desmobilizar a sociedade galega”. “Aquí está a forza do pobo galego”, exclamou, “hoxe, máis que nunca, disposto a impulsar e concretar a alternativa dun novo rumbo para o galego: o proceso Lingua Vital aberto, participativo e plural”.

Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego defende que a mobilización e a toma da iniciativa pola lingua pola sociedade galega é o único que pode facer mudar o rumbo do idioma e reverter a emerxencia lingüística. “Se a Xunta renega de Galiza e non quere asumir a súa responsabilidade farémolo nós”, sentenciou. “Agardamos que o PP se sume, que cumpra o seu deber e abandone a belixerancia contra Galiza e o galego”, recoñece Maceira, “mais non imos ficar á espera de que os xefes de Rueda e Feixó en Madrid decidan emendar o seu programa, cada día menos oculto, de eliminación do galego”.

A coordinadora da plataforma en defensa da lingua, Celia Armas, recordou que nesta multitudinaria manifestación conflúe o traballo dos máis de 20 plenarios celebrados noutras tantas comarcas galegas e leu os nomes das ducias de entidades que forman parte do movemento Lingua Vital Xa. Armas afirmou que “se a Xunta quixese”, se poderían implementar “medidas conducentes a ir favorecendo a recuperación de falantes”. E concluiu: “así que aquí nos teñen, orgullosos da nosa lingua milenaria, berrándolles que queremos ter os mesmos dereitos que calquera outro falante de calquera outra lingua.”

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra