Queremos Galego anima a sociedade a saír á xanela, o Día das Letras ás 13h, e cantar este “A fala” como unha acción máis do desconfinamento da nosa lingua
A plataforma cidadá, composta por máis de 600 entidades, estende o convite a todas as persoas que queren a Galiza e que saben que a lingua nos fai ser e existir como pobo, advertindo que “a súa normalización é necesaria para os avances sociais e democráticos”. As persoas usuarias das redes sociais poden participar partillando mensaxes escritas, vídeos, fotografías ou audios coas etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #Eufalogalego.
Uxía conta ao seu carón, neste novo vídeo musical, con voces femeninas emerxentes da nosa música tradicional que aportan frescura e enerxía: Tanxugueiras e Faia. No vídeo participan, ademáis, representantes do mundo do ensino e unha morea de axentes culturais de distintas disciplinas comprometidos coa lingua e coa nosa cultura, como Carlos Blanco, Rosalía Fernández Rial, Areta Bolado (A Panadaría), Patricia Vázquez, Mónica Caamaño, Lois Pérez, Tatán R. Cunha, Eladio Santos, Xoán Curiel ou Magín Blanco, aos que se unen artistas de Portugal, Brasil e Mozambique como Chico César, Ceumar ou Tinoca Zimba (Timbila Muzimba) nunha clara vocación de conexión coa lusofonía, como non podía ser de outro xeito no ano adicado a Carvalho Calero, firme defensor da lingua galega internacional. O tema orixinal, que cobrou unha nova vida ao engadirse coros e algúns instrumentos nestes días de confinamento, foi gravado en primeira instancia no auditorio da Casa-Museo do autor do poeta en Outeiro de Rei en 2015 no aniversario do seu nacemento, e está recollido no libro-disco Uxía canta a Manuel María (Fundación Manuel María, 2016).