Segundo a valedora a forma Galiza só se admite fóra da denominación oficial
Marcos Maceira: “Que a valedora dea por bo exixir o cumprimento de dubidosos formalismos legais a unha alumna de 9 anos é mostra da falta de respecto pola institución que representa”
A Mesa pregúntase se “quen desde os prexuízos ideolóxicos inutiliza continuamente unha institución feita para defender á cidadanía pode continuar no cargo un minuto máis”
A Mesa denuncia tamén a complicidade da Secretaria Xeral de Política Lingüística e da Consellaría de Educación
O pasado 15 de xuño facíase pública a vulneración dos dereitos lingüísticos dunha alumna de Primaria a quen lle reduciron puntuación por utilizar a forma correcta Galiza, considerada polo mestre de Ciencias Sociais como falta de ortografía.
Malia que Galiza é unha forma amplamente utilizada e admitida pola RAG, que a considera “voz lexítima galega”, a dirección do centro, a Consellaría de Educación e a Secretaria Xeral de Política Lingüística argumentaron para xustificar a actitude sectaria e antipedagóxica do mestre, que o termo legal e oficial para se referir á Comunidade Autónoma é Galicia, malia admitiren que Galiza é válido para “calquera outro uso que non se refira á denominación oficial do país, no ámbito xurídico”.
Esta pobre xustificación incomprensíbel cando estamos a falar dunha alumna de 9 anos de idade foi aceptada sen ningún cuestionamento nin comprobación dos feitos pola Valedora do Pobo, que demostra, máis unha vez, como o seu único cometido é dar lexitimidade ás accións da Xunta de Galiza aínda que sexa a costa de nenas e nenos de 4º de primaria.
Segundo o presidente da Mesa o peche da investigación por parte da Valedora demostra a actitude sectaria da comisionada, que a xulgar pola resposta nin se molestou en facer as mínimas pesquisas ou en reclamar información á inspección. Malia o pobre argumento aceptado con submisión indigna do seu cargo pola Valedora, Maceira pregúntase se comprobou en que contexto se utilizou Galiza; ou con que criterio é exixíbel en cuarto de primaria a utilización do nome do país, que segundo a Xunta e a Valedora é oficial cando en moitos outros casos non o é; comprobaron Valedora e inspección educativa se o mestre é tan estrito na utilización da toponimia galega?
O pior deste caso, sinala o presidente da Mesa, é a desprotección á que a dirección do centro, a consellaría, a secretaría xeral e a valedora someten unha menor, só por utilizar en redaccións e probas escritas unha denominación do país plenamente lexítima e de uso normal por institucións, organizacións sociais, políticas, sindicais e por miles de cidadáns e cidadás galegas. Trátase non só dunha irresponsabilidade tremenda senón tamén dunha actitude inmoral que só se entende desde o sectarismo e valores que non deberían ter cabida no sistema educativo. Que será o seguinte, prohibir a lectura nos centros de ensino de todos os textos onde aparece Galiza desde a idade a hoxe?
Esta Valedora distínguese pola súa rapidez e eficacia só para defender á Xunta, sexa cal for o caso. Da Mesa lembran como chegou a participar dunha campaña de acoso a un centro de ensino por pendurar nas súas paredes un cartaz a favor da lingua galega feito por alumnos e alumnas. Semella que a para Valedora só quen agrede os dereitos lingüísticos merece o seu tempo. Finalmente desde a entidade en defensa da lingua pregúntanse se quen coa súa actitude sectaria e baseada en prexuízos ideolóxicos inutiliza unha institución que ten como obxectivo defender á cidadanía dos abusos pode continuar no cargo un minuto máis.