VIDEOXOGOS / Videoxogos e literatura en galego

A Fundación Museo do Videoxogo pecha 2023 coa creación dunha nova exhibición que será presentada no Museo Interactivo da Historia de Lugo o vindeiro 5 de decembro, e que levará por título “LITERATURA E VIDEOXOGOS”. O proxecto está impulsado pola Área de Cultura e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e enmárcase nunha das principais liñas de traballo nas que a citada entidade, declarada de Interese Cultural Galego en 2020, leva traballando nos últimos anos.

A exposición contará con máis de 20 sistemas de videoxogos e outros tantos títulos interactivos de tódalas épocas -incluíndo xogos creados en Galiza- que convivirán durante máis de 2 meses cunha vintena de obras literarias para o entendemento da súa relación.

A exposición permanecerá aberta ao público, de balde, dende a súa inauguración o día 5 de decembro ata o día 9 de febreiro de 2024, e non soamente aspira a ser unha solución tecnolóxica innovadora dentro do eido museístico, cultural e expositivo, senón que busca, a través da súa formulación, explorar novas vías á hora de presentar e relacionar contidos, obxectos, obras ou ideas. Navegando por ela, as persoas visitantes terán a posibilidade de gozar dunha experiencia reflexiva, transversal, que pretende convidar aos curiosos a afondar e perderse nalgúns dos lugares máis apaixoantes desta temática.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra