A Mesa pola Normalización Lingüística

XUNTA.- A Mesa cualifica os tres anos de goberno de Núñez Feijóo como de “paus constantes contra o galego”

A maior asociación cultural de Galiza censura que “absolutamente todos” os esforzos do executivo vaian destinados a “destruír” e que aínda non se puxese en marcha “nin unha soa medida positiva” para o galego

A entidade que preside Carlos Callón cualifica a etapa como de “profundo cerco ás opinións discrepantes”

A Mesa pola Normalización Lingüística valora como “tremendamente nefasta” para a lingua a cultura galega a etapa transcorrida cando se fan tres anos das eleccións autonómicas que deron a vitoria e permitiron formar goberno a Alberto Núñez Feijóo.

A maior asociación cultural de Galiza ve a acción do goberno da Xunta de Galiza, no que fai á lingua e á cultura, “absolutamente dirixida” a practicar a unha política de “destrución”, de “demolición” e de “erradicación” de iniciativas anteriores. Polo contrario, sinala a entidade, “este goberno aínda non puxo en marcha nin unha soa medida en positivo” para fomentar o uso do galego, para crear novos espazos de uso ou para consolidar o xa acadado. “Nada se sabe da aplicación ou do desenvolvemento do Plan xeral de normalización da lingua galega”, poñen como exemplo.

A entidade cidadá presidida por Carlos Callón ve con moita preocupación estes tres anos de goberno de Núñez Feijóo, caracterizados por “continuos paus” contra o galego desde que se iniciou a lexislatura, tanto a través de medidas concretas como dun discurso “moi agresivo” contra a lingua propia.

A Mesa tamén salienta destes tres anos de goberno de Núñez Feijóo o continuo “cerco ao discrepante” vivido por todos aqueles axentes sociais ou opinións que defenden o galego ou a nosa cultura, especialmente a través da “manipulación” da mensaxe, ou directamente da “censura”, practicada nos medios de comunicación públicos. A entidade por o seu propio caso como exemplo, ben como as iniciativas desenvolvidas pola plataforma Queremos Galego.

Este estado de “cerco” e de “censura” agravouse tamén a través da constante desaparición de medios privados na nosa lingua que se sucederon nos últimos anos, consentidos sen que o goberno de Núñez Feijóo “movese nin un só dedo” para garantir a existencia dun espazo informativo de noso e na nosa lingua.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra