Fondos públicos dos galegos e galegas que exclúen a lingua propia de Galiza
A Mesa, a través da Liña do Galego, recibiu diversas denuncias sobre a exclusión do galego nos cursos de formación subvencionados con cartos públicos pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria para persoas desempregadas e empregadas.
A exclusión da lingua propia de Galiza é total, pois vai desde a oralidade até os libros de texto ou os exames que están exclusivamente en castelán. Desde a Mesa non entendemos que a propia administración pública, que ten como obriga promover o uso da lingua galega, é a primeira en excluíla da súa formación.
Para o presidente da Mesa Marcos Maceira, “se da formación se exclúe a lingua galega, despois tamén se excluirá das relacións sociais e económicas” polo tanto, “onde fica a liberdade de escolla que tanto pregoa o goberno da Xunta de Galiza?” cuestiona Maceira.
Desde a Mesa promovemos unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico cun amplo apoio social con 28.000 sinaturas e ducias de empresarios e empresarias. “É ilóxico que o propio goberno galego elimine a lingua que ten a obriga estatutaria de promover, queremos que cesen no seu ataque á lingua propia deste país” declarou Maceira.
Ante esta situación, a Mesa tramitará un expediente informativo detallando a lexislación que a Consellaría incumpre. Diversas normas legais entre as que están a Lei de normalización lingüística, o Plan xeral de normalización da lingua galega até o propio Estatuto de autonomía de Galiza.