Un grupo representativo das persoas asinantes do manifesto chaman á participación cidadá na concentración convocada pola Mesa con motivo do xuízo a Carlos Callón
A mobilización cidadá en apoio a Callón e ás outras persoas denunciadas polo xuíz decano Fraga Mandián tivo lugar a pasada sexta feira 10 de febreiro no exterior do edificio dos Xulgados da Coruña
Na mañá de hoxe presentouse na Coruña o manifesto Queremos xustiza para a nosa lingua: non á criminalización na súa defensa!, lanzado hai aproximadamente unha semana para apoiar as persoas denunciadas polo xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, por lle exixiren o cumprimento da Lei de normalización lingüística e o respecto á toponimia propia de Galiza, tal e como estabelece o artigo 10 da citada lei, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza hai xa case trinta anos.
Para alén de presentaren publicamente este manifesto, ao que aheriron máis dun millar de persoas en poucos días, os representantes das persoas asinantes fan un chamamento á participación na concentración cidadá convocada para mañá ás 12 do mediodía diante do Xulgado de Instrución nº 2 da Coruña, onde será xulgado o presidente da Mesa e portavoz da plataforma unitaria Queremos Galego Carlos Callón.
Reproducimos, a seguir, o texto do manifesto:
Queremos xustiza para a nosa lingua
Non á criminalización da súa defensa!
O dereito a podermos vivir en galego en Galiza encóntrase cada vez máis desamparado. Por unha banda, as administracións que teñen a principal encomenda de velar pola defensa do noso idioma, como é o caso da Xunta, non cumpren co seu deber e realizan inxustísimas políticas na súa contra. Ademais, a pouca lexislación que existe para garantir os nosos dereitos lingüísticos é vulnerada.
Desde 1983, a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, recoñece que os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a xenuína, a galega. Diferentes sentenzas e ditames xudiciais déronlle unha e outra vez a razón a toda a xente que se mobilizou, de xeito firme e cívico, para demandar o seu cumprimento ao longo de todos estes anos. Porén, mesmo algo tan básico como isto dista de ser aplicado sen problemas por parte dos poderes públicos.
O vindeiro 10 de febreiro o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado por unha denuncia que presentou contra el o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O motivo é que Callón replicou unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”.
Con anterioridade, o mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade herculina estaba sub iudice; non era verdade: nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando o uso único do topónimo A Coruña. Así mesmo, nun documento, como resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico. É unha burla, porque o “erro ortográfico” persiste unha e outra vez e, con el, a vulneración dunha lei básica, con todo o peso simbólico de que quen está a protagonizar todas estas situacións é un xuíz.
O mesmo maxistrado xa ocupou titulares en varias ocasións nos medios de comunicación pola súa campaña particular contra a lingua galega. Por exemplo, cando denunciou un veciño da Coruña, Eduardo Álvarez, despois de que este solicitase recibir as notificacións no idioma do país e co topónimo oficial da cidade, dereitos ambos aos que está asistido pola lexislación. Foi no transcurso deste proceso xudicial, criticado polo presidente da Mesa, cando decidiu presentar a denuncia contra Carlos Callón. Como esta situación foi criticada publicamente por Carlos Aymerich, tamén presentou outra denuncia contra este deputado, que xa foi desestimada polos tribunais. O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!
No caso da denuncia contra Carlos Callón, nun primeiro momento o xulgado, co apoio da Fiscalía, decidiu desestimala e arquivala. Porén, o xuíz decano presentou unha apelación, que desencadeou no xuízo do vindeiro día 10.
As persoas que asinamos este escrito queremos:
1. Manifestar o noso apoio ás persoas denunciadas polo maxistrado Antonio Fraga Mandián só por daren exemplo na defensa do noso idioma, sempre de xeito cívico, democrático e legal, como é o caso de Eduardo Álvarez, Carlos Aymerich e Carlos Callón.
2. Chamar a participar na concentración que se realizará o día 10 de febreiro ás 12 h diante do Xulgado de Instrución Número 2 da Coruña (rúa Monforte, s/n).
3. Reclamar que se deixe de criminalizar a defensa do galego. Non pode ser que un xuíz denuncie unha e outra vez a persoas que non cometen máis delito que defender o cumprimento da Lei e, con ela, a promoción e defensa do noso idioma.
4. Alzar a nosa voz para que todos os poderes públicos sen distincións cumpran e fagan cumprir a Lei de normalización lingüística, en aspectos tan importantes como o uso da toponimia nas súas formas correctas e oficiais ou o dereito a podermos utilizar e recibir información en galego nas diferentes administracións, tamén na de xustiza.
Asinantes:
Agustín Fernández Paz, escritor
Alfonso Pato, director do Festival de Cans
Antón Lezcano, deseñador
Antón Reixa, produtor
Anuncio Moroño, da Coordinadora de Crentes Galegos
Anxo Angueira, escritor
Bieito Romero, músico
Brais Maceiras, músico
Carlos Ares, presidente da Asociación Galega de Guionistas
Carlos Blanco, actor
Carlos Taibo, profesor e escritor
César Morán, músico
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega
David Otero, escritor
Elvira Ribeiro, escritora
Felipe Senén, museólogo
Flor Maceiras, actriz
Francisco Pillado, editor
Guillerme Ignacio Costa, músico
Isabel Risco, actriz
Lino Braxe, actor
Lois Diéguez, escritor
Manuel Bragado, editor
Manuel Castelao (“Raúl Veiga”), cineasta
Manuel Portas, escritor
María do Pilar García Negro, sociolingüista
María Xosé Silvar, música
Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega
Mercedes Queixas, escritora
Miro Casabella, músico
Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua
Pilar Neira, ex seleccionadora da Selección Galega de Fútbol
Pilar Pallarés, escritora
Roberto Mera, avogado
Roi Casal, músico
Rubén Aramburu, crego
Sabela Baña, pintora
Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María
Teresa Moure, escritora
Uxía Senlle, música
Xavier Alcalá, escritor
Xavier Seoane, escritor
Xabier P. Docampo, escritor
Xabier Cordal, escritor
Xoán Costa, presidente da AS-PG
Xurxo Souto, músico e comunicador
Yolanda Castaño, escritora