A Valedora actúa como se for a curmá do Zumosol das institucións belixerantes co galego

A Mesa respóndelle á Valedora do Pobo que debe deixar de atacar a lingua

A asociación en defensa e promoción do galego amosa o seu rexeitamento ao comunicado desta institución

A Mesa pola Normalización Lingüística respóndelle á Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, que debe deixar de empregar a institución para desprezar a lingua e darlle amparo aos casos de vulneración de dereitos lingüísticos. A última acción da institución foi promover a desaparición do galego dos sinais de tránsito en Gondomar.

A Mesa recibira recentemente un novo escrito da Valedora do Pobo, no que ampara a eliminación do galego nos sinais de tránsito en Gondomar e no que ademais xustifica a deturpación dos  nomes de núcleos de poboación e outros topónimos “cando sexa necesario e a efectos de identificación”. A Valedora actúa como se non existir a Lei de Normalización Lingüística, que no seu artigo 10 especifica que Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega” así como que estas denominacións son as legais a todos os efectos. Outra da normativa que a Valedora pretende pasar por alto nesta resolución é o decreto Decreto 219/1998, do 2 de xullo, onde aparecen as formas toponímicas xenuínas e oficiais correspondente ás entidades de poboación das provincias de Pontevedra.

Hoxe mesmo, a Valedora lonxe de rectificar, afonda nos ataques á lingua propia de Galiza, xa que xustifica que o galego non vale para a normativa de tráfico. A iniciativa da Garda Civil de Gondomar e da propia Valedora acaban de eliminar varios sinais de tráfico que levaban anos en galego sen que isto xerara ningún tipo de problema agás para a propia Garda Civil e a Valedora do Pobo. Cabe destacar que a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias establece no seu artigo 10 que “as autoridades locais dos territorios nos que exista lingua propia deben fomentar o uso da lingua na administración”.

Para o  presidente da Mesa Marcos Maceira, a actitude da Garda Civil e da Valedora non son novas. No primeiro caso chegaron a deixar de tramitar unha denuncia por estar realizada en galego, no segundo chegou a denegar amparo a unha nena de 9 anos que sufriu abuso de autoridade dun profesor por escribir Galiza nunha redacción. Neste caso a valedora ampara un cuartel da Garda Civil onde se discriminan cidadáns por falaren na súa lingua facendo xustamente o contrario da súa función.

Para Maceira “a Valedora actúa nas cuestións relacionadas coa lingua  galega cunha visión ideolóxica e sectaria empregando a institución para atacar e desprestixiar o uso do galego”. Foi por iso e por outras queixas que a Valedora rexeitou polas que A Mesa pediu a súa demisión hai unha semana. “ A Valedora está a converter en inútil a institución que representa, limitándose a xustificar a acción dos poderes públicos en moitas ocasións con máis vehemencia e rotundidade que os mesmos poderes públicos”. Para o presidente da Mesa Milagros Otero “actúa como se for unha especie de curmá do zumosol das institucións, non só no caso do galego mais si con maior belixerancia cando se trata da lingua propia de Galiza”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra