A plataforma cidadá na zona de Tabeirós-Terra de Montes critica que o Concello da Estrada negase este ano toda colaboración económica co Correlingua.
Queremos Galego lamenta que o equipo de goberno local estradense estea máis atento “ás ordes dun partido político” que á “realidade social e lingüística” do municipio que gobernan.
A plataforma Queremos Galego da Estrada quere denunciar publicamente a decisión do Concello de non colaborar no Correlingua deste ano.
Trátase, ao noso entender, dunha decisión que pon de manifesto, unha vez máis, a persecución e criminalización que, desde as institucións gobernadas polo Partido Popular, se vén facendo da defensa da nosa lingua e da nosa cultura. Este intento por destruír os nosos sinais da identidade é cada vez máis evidente. Mesmo se ataca o máis básico, o que está recoñecido na lexislación e asumido polo conxunto da poboación: que o galego é a lingua propia de Galiza e o que nos identifica como galegas e galegos.
Neste sentido, é censurado o manifesto gañador, elaborado por slumnado de 4º da ESO do CPI de Pontecesures, que resulta non ser do “gusto” do Partido Popular. Esta é a desculpa para censurar o Correlingua no noso Concello, negándolle a axuda que lle viña prestando nos últimos anos. Quizais os nosos representantes institucionais non se decatan de que o Correlingua é unha actividade lúdica e educativa, con 13 anos de historia, na que participan miles de rapaces de todo o país e de que o seu obxectivo non é outro que favorecer a reflexión entre a mocidade sobre a importancia que ten a defensa da nosa lingua.
É obvio que o Partido Popular ten un inexplicábel interese en acabar con todo o que nos identifica como galegas e galegos; aínda así, non podemos entender como os gobernantes do Concello da Estrada, persoas que deberían coñecer a nosa realidade social, obedecen cegamente as ordes ditadas polos dirixentes do seu partido, negándolles aos rapaces e rapazas da Estrada e da nosa comarca a posibilidade de participaren nesta actividade lúdica, creativa e educativa.
Non é esta a primeira vez que o Concello da Estrada actúa deste xeito: podemos lembrar como, moi recentemente, rexeitaron homenaxear a Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento. Desde Queremos Galego imos responder aos ataques, á censura e ao desprezo que se practica en contra da nosa lingua e cultura.
Con este obxectivo e tamén en relación co Día das Letras, temos prevista a realización de varios actos, aínda por concretar definitivamente. Será a partir da segunda semana do mes de abril e ao longo do mes de maio. Sobre todo isto manterémosvos informados.