Queremos Galego sae á rúa perante a situación de emerxencia lingüística para exixir que a Xunta e o Estado cumpran coas demandas do Consello de Europa

A plataforma cidadá, composta por máis de 600 entidades, convoca concentracións a quinta feira (xoves) 19 de decembro ás 20h en Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo

Compostela, 13 de decembro de 2019.- A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, chama a cidadanía galega a mobilizarse nas sete cidades galegas a quinta feira (xoves) 19 de decembro, ás 20h, “en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE” e para “reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa”.

O lema da convocatoria será Emerxencia lingüística. Precisamos do galego, e terá lugar nas 7 cidades galegas simultaneamente. En Santiago, na Praza do Toural; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na Praza Amada García (diante da delegación da Xunta); en Lugo e en Ourense, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en Vigo; na Praza da Princesa.

“A evolución dos datos de uso e coñecemento do galego son alarmantes”, afirma o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. As taxas de incapacidade para falar galego entre a poboación menor de 15 anos son as máis altas da historia, consolídase a ruptura interxeracional e aumenta o número de persoas que se senten na obriga de mudar de lingua. “Perante esta situación, reiterada en inumerábeis ocasións pola plataforma Queremos Galego e confirmada polo Comité de expertos do Consello de Europa”, recorda Maceira, “a única política da Xunta é a agresividade e, segundo os expertos do Consello de Europa, incumprir a Carta e non realizar ningunha acción lexislativa ou política para o facer, nomeadamente no ámbito do ensino”.

“Se Feixó tivese un mínimo de respecto por Galiza e pola institución que representa”, asegura o voceiro de Queremos Galego, “xa tería derrogado hai anos o decreto contra o galego”. A resposta da sociedade galega continúa activa e de novo co respaldo da máis relevante institución internacional europea para a defensa da democracia e dos dereitos humanos, como é o Consello de Europa.

A plataforma lembra que o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente nos ámbitos que son da súa competencia. Neste sentido, a entidade recorda que as dificudades de uso do galego na xustiza ou na administración xeral do Estado deben ser resoltas, comezando por garantir o coñecemento de galego de todo o funcionariado estatal destinado en Galiza.

“A situación é de emerxencia e o galego é necesario para o desenvolvemento cultural, social, económico e humano de Galiza”, recordan: “Precisamos do galego para Galiza existir “.

10 anos de Queremos Galego. A plataforma cidadá celebrou este ano o seu 10º aniversario publicando un  vídeo no que recorda que foi, precisamente, en 2009 cando se produciu a primeira e única manifestación en contra do galego e mais cando o goberno da Xunta comezou a lexislar contra o galego. A sociedade galega respostou cunha manifestación na que participaron 100.000 persoas, a maior mobilización a favor dunha lingua en Europa. Concentracións e manifestacións dentro e fóra do país, manifestos, recollidas de sinaturas, unha folga xeral do ensino e mesmo o traballo no xulgados, que frutificou nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os principais artigos do decretazo contra o galego. O vídeo resumo fai un percorrido pola primeira década de vida de Queremos galego recorda que “as cousas só cambian se nos mobilizamos, porque as reivindicacións compartidas sempre dan froitos”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra