A plataforma cidadá espallou por toda a xeografía galega as manifestacións do Día das Letras, pedindo en Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Monforte e Foz que os concellos abandeiren a defensa do galego
Aproveitando a proximidade das eleccións municipais, a plataforma cidadá Queremos Galego, integrada por máis de 500 entidades, tomou as rúas de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Monforte e Foz para pedirlles ás autoridades municipais unha vida “En galego, aquí e agora”.
En Compostela, o voceiro nacional de Queremos Galego, Marcos Maceira, recordaba que o vindeiro día 15 de xuño se fan 40 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, que consagraba a obriga dos poderes públicos de promover o galego e o dereito ao seu uso. “Porén”, lamenta Maceira, “40 anos despois continúa a negarse no noso idioma todo o que se garante e obriga en español”.
Neste sentido, Queremos Galego pregúntase se pode ser oficial unha lingua “na que é case imposíbel recibir unha notificación xudicial, atención sanitaria ou abrir unha conta bancaria”. Unha lingua, insisten, “excluída dos deseños animados” e “prohibida nas matemáticas, a física e química, a tecnoloxía e nos libros de texto dixitais”. Unha lingua, lamentan, “que os mesmos que teñen obriga de usar e promover, rexeitan para facer campaña electoral”. E recordan que a maior entidade de defensa da lingua, A Mesa pola Normalización Lingüística, ten que actuar cada ano en máis de 1000 vulneracións dos dereitos lingüísticos da cidadanía e faino “sen ningún tipo de apoio da Xunta”.
Nos 60 anos da celebración do día das letras galegas, a proposta de Fernández Del Riego, homenaxeado este 2023, Queremos Galego tomou unha vez máis ás rúas do país para “denunciar o estado de emerxencia ao que levaron o galego”. Neste sentido, Marcos Maceira insiste en que o galego existe e ten futuro grazas “ás familias que o transmiten a pesar do ensino, do lecer ou da televisión”, “ao profesorado insubmiso ao decreto que o prohibe nas aulas e que inviste horas para facer os materiais en galego”, “ao funcionariado que o emprega día a día, aínda sen contar coas ferramentas básicas para o facer”, “aos traballadores e traballadoras que se manteñen no uso do galego a pesar das presións en moitas empresas” e “ao empresariado que, con todo en contra, sabe que usalo é mostra de calidade e de compromiso co seu país”.
“É a sociedade en solitario quen reacciona á emerxencia lingüística para revertela porque o galego non ten quen o defenda na Xunta”, denuncia Maceira. “Viuse estes días na loita e perseveranza das asociacións da lingua e do sector para facer realidade a Iniciativa Xabarín e conseguir oferta en galego no audiovisual, na dobraxe e a lexendaxe en plataformas como Netflix”. “O presidente que se manifestou polas nosas rúas contra a lingua que nos une”, lamenta, “prefire manterse submiso e compracente con quen odia Galiza e o galego antes que servir fielmente os intereses do pobo ao que lle debe o cargo”. “A cidadanía galega toma as rúas un ano máis”, remata Maceira “e demostra que vivo porque non renunciamos a el. Aquí e agora, queremos galego”.