Cartel Morriña Fest

Concello da Coruña e Xunta / A Mesa chama á non exclusión do galego no Morriña Fest

A Mesa pola Normalización Lingüística manifesta a súa indignación pola exclusión do galego no Morriña Fest, evento que está previsto para o 15 e 16 de xullo no estadio de Riazor. Aínda que se trata dunha iniciativa privada, conta con financiamento público, tanto da administración local como autonómica. A Mesa considera que, tanto o Concello da Coruña como a Xunta de Galiza, teñen unha importante responsabilidade neste asunto, e o deber non só legal senón tamén moral de garantir que a lingua propia e oficial dos galegos e galegas e das súas administracións non sexa excluída de ningún evento que sexa financiado total ou parcialmente con diñeiro público.

Ademais de non contar con artistas que canten en galego, o uso da lingua nas comunicacións oficiais do festival a través dos seus perfís en redes sociais, así como na súa web, é escaso ou nulo en moitos casos. Un festival galego non se pode reducir a unha palabra, mentres menospreza o traballo de artistas que fan os seus temas en lingua galega.

O noso Estatuto de autonomía recoñece que o galego é a lingua propia de Galiza e insta a que os poderes públicos garantan o seu uso normal e oficial e potencien “o emprego do galego en todos os planos da vida pública” (art. 5.3). Do mesmo xeito a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego, como lingua propia de Galiza, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e no artigo 6.3, do devandito texto legal, insta aos poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns, ao igual que a Lei 5/1988, de uso do galego como lingua oficial polas Entidades Locais e tamén a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa dicindo que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.

Así mesmo, de forma máis específica en relación coa lexislación municipal, A Mesa pregúntalle á alcaldesa, Inés Rei, se ten previsto facer cumprir a ordenanza municipal de uso do galego que non hai moito se aprobou en María Pita.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra