O espectáculo teatral ‘Falar x Falar’, da compañía Volta e Dálle protagoniza a cuarta sesión das VI Letras Vivas do CIFP Compostela, en Lamas de Abade. A función vai ter lugar en dúas sesións, de mañá ás 11:30h e de tarde ás 17h, no centro de ensino o vindeiro 1 de febreiro e conta coa colaboración da Mesa pola Normalización.
‘Falar x Falar’, protagonizado polos actores Carlos Santiago e Víctor Mosqueira, é unha peza didáctico-humorística que realiza un percorrido pola historia da nosa lingua a través das experiencias destes dous bufóns, un da aldea e outro da cidade, un ‘paleofalante’ e outro, ‘neofalante’. Os romanos, os Reis Católicos ou a canción protesta soben ao escenario da súa man e Santiago e Mosqueira traen a historia a hoxe en día, cunha espectacular proposta de “lingua estafada” na Cidade da Cultura.
Letras Vivas
Letras Vivas é un programa que xorde no centro pola necesidade de que a lingua e a cultura teñan unha posta ao vivo para o alumnado xa que, en palabras do director do instituto, Marcelo Vidal, “polo tipo de centro hai horarios e materias que quedan escoradas deste tipo de temas”.
O programa Letras Vivas do CIFP Compostela comezou este curso o pasado 1 de decembro, para conmemorar o 20 aniversario da manifestación dos paraugas que tivo lugar na cidade de Santiago en 2002 a raíz do naufraxio do Prestige nas costas galegas. A este primeiro evento seguíronlle actuacións musicais coma as d’Os tres pés e logo da función de ‘Falar x Falar’ chegará a Mostra do Entroido, o vindeiro 10 de febreiro, unha exposición dedicada ao carnaval de Entrimo. Nestoutro evento conta coa participación de 5 centros de ensino, o propio colexio de Entrimo e a Asociación do Entroido de Entrimo.
Para estas actividades o CIFP Compostela conta coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, que máis alá da súa contribución para a realización da obrar ‘Falar x Falar’ situará no centro unha mesa informativa. A Mesa volverá ao CIFP Compostela no mes de maio, para de novo colaborar nas actividades do instituto por mor da celebración das Letras Galegas.