A Mesa e a Asociación de Empresarios de Ribeira reúnense para colaborar na promoción e uso do galego

Ambas organizacións xuntáronse para analizar posíbeis colaboracións para promover o uso da lingua galega no ámbito socieconómico.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira e o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira Antonio Miranda, xuntáronse en Ribeira para tratar a situación da lingua galega no ámbito socieconómico.

Neste sentido, Maceira presentoulle a Miranda a campaña de recollida de apoios que a Mesa está levando a cabo para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pretende impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais. A súa inexistencia, malia ser o galego unha lingua cooficial en Galiza, provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos.

Segundo Maceira “É de sentido común que calquera persoa se poida expresar na súa lingua propia no seu propio país, e máis se se tratar dunha lingua cooficial como o galego. Porén, en Galiza, isto non está tan claro. Podemos utilizar o galego sempre, mais non sempre recibiremos a atención debida en igualdade de condicións que de falarmos outra lingua, o que é claramente discriminatorio”.

No ámbito das relacións comerciais apenas existen normas que garantan o uso do galego e as básicas que nin sequera se cumpren. Pola contra, para o castelán, hai máis de 500 disposicións legais que regulan a garantía de utilizar e recibir información nesta lingua. Se o galego é a lingua propia de Galiza e non é menos lingua que outra, o sentido común indica que debemos ter dereito e garantía de uso sempre, en todo e para todo. Nin máis nin menos do que acontece con outras linguas oficiais no mundo. Isto tan de sentido común é o que queremos conseguir coa ILP. Outro dos obxectivos desta ILP é evitar as trabas legais que teñen as empresas que pretenden empregar a lingua galega na etiquetaxe dos seus produtos ou nos seus escritos.

Por parte do presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, apuntou que a administración pública debería potenciar o uso da lingua galega no ámbito comercial e empresarial, neste sentido apoiou a ILP e mostrouse disposto a establecer canles de participación e colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística para potenciar o uso do galego nas empresas da contorna. Segundo Mirandadebemos darlle volta á situación de perda de falantes e o sector socioeconómico debe ser un eixo normalizador máis”.

O presidente da Mesa tamén se reuniu con representantes da CIG As Rías para presentarlle a campaña e recoller o seu apoio pois, segundo explicou Maceira “se garantimos o dereito a termos atención en galego en calquera lugar, tamén estamos gararantindo o mantemento de postos de traballo na nosa terra“.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra