Queremos Galego comeza en Lugo unha campaña a prol da liberdade para o galego

Queremos Galego amosou esta mañá diante do Concello de Lugo a repulsa social á sentenza “ideolóxica” do Tribunal Supremo (TS) contra a ordenanza de normalización lingüística aprobada por unanimidade o 2012

Lugo, 6 de marzo de 2019.- A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, comezou esta mañá cunha concentración fronte ao Concello de Lugo unha campaña a prol da liberdade para o galego que confluirá nas mobilizacións que se celebrarán o 17 de maio en todas as cidades galegas.

Esta campaña pola liberdade da  cidadanía galega para falar a súa lingua dará continuidade á repulsa social amosada esta mañá en Lugo pola sentenza “ideolóxica” coa que o Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso presentado polo Concello de Lugo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anulaba parcialmente a ordenanza de normalización lingüística da cidade, aprobada por unanimidade polo pleno da corporación en 2012 e ratificada tamén por unanimidade tras a sentenza do TSXG.

O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, recordou que a sentenza do Tribunal Supremo “pretende pór limites á oficialidade da lingua galega e impedir que poida manter calquera situación de igualdade respecto ao castelán”, estabelecendo uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto. Ilegaliza ademais unha posición social maioritaria no conxunto do pobo galego, a de que a lingua propia de Galiza é o galego, que é o noso principal elemento de identidade colectiva e que se atopa nunha absoluta situación de desprotección, aínda cunha lexislación que no mellor dos casos non se aplica e se vulnera constantemente. O mesmo tribunal non actúa contra as máis de 500 disposición legais que garanten a presenza absoluta do español e sitúan o galego en situación de inferioridade.

“Que liberdade hai de empregar o galego se as empresas concesionarias da administración non teñen que ofertala?”, pregúntase Maceira “a única liberdade que vén de recoñecer o TS é a destas empresas para excluír aos falantes de galego de servizos públicos”.

Embora a lexislación e acordos favorábeis á lingua galega sexan poucos e limitados, a vontade xeral por repor, rehabilitar e normalizar o noso idioma, fica claramente reflectida en textos como o Estatuto de autonomía de Galiza, a Lei de normalización lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, o Plan xeral de normalización da lingua galega, e mesmo tratados internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, ratificada polo Estado Español en 2001, ou outros acordos como a Declaración universal de dereitos lingüísticos.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra