Co lema “ Cárgate de sentido común e asina”, A Mesa pretende recoller como mínimo 10.000 sinaturas para o debate da ILP no Parlamento
Marcos Maceira:“A iniciativa defende cuestións de sentido común, facer efectivo o dereito básico a empregarmos o galego sempre”
En Lugo contaron cun gran apoio de colectivos culturais, sociais e políticos
A Mesa presentou hoxe, día 31 de marzo, na Galería Sargadelos en Lugo, a nova campaña que se está a desenvolver para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.
A ILP naceu con motivo das múltiples queixas que chegan á aplicación A Liña do Galego, queixas que poñen de manifesto a vulnerabilidade dos dereitos lingüísticos e a nula garantía lexislativa de que se poda exercer ese dereito a vivir no noso idioma. Desde A Mesa destácase que a inexistencia da máis mínima opción no noso idioma por parte de empresas e servizo nega a liberdade para o emprego do galego e evidencia a situación de desigualdade.
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “estas cuestións son básicas, de sentido común, mais actualmente non están garantidas e o que se pretende é que o galego sexa unha lingua normal”. Por iso a ILP pretende facer efectivo o dereito básico a empregarmos o galego sempre”.
O coordinador da zona de Lugo, Luís Neto, explicou que a liña de actuación será ter presenza nas diversas localidades e cubrir todos aqueles eventos sociais que pode haber no tempo e que conten una participación masiva de xente, co obxectivo de dar a coñecer a Iniciativa e crear o debate social. Así mesmo, declarou que “nós consideramos que é una iniciativa que respecta o dereitos lingüísticos de toda a xente máis que garante o dereito dos galegofalantes a usar o seu idioma”. Neto destacou que hoxe tiveron un apoio moi importante de máis de una ducia de colectivos do ámbito cultural, social e político de Lugo.
Entre estas persoas e colectivos que apoiaron hoxe a ILP están Madia Leva, BNG, CIG, Galiza Nova, Erguer, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Comité de Empresa de Abante, Lugo Novo, Isidro Novo, Asociación Con Lupa, Asociación Veciñal a Milagrosa e o Ateneo Libertario A Engranaxe.