A Mesa da Coruña: “a campaña de Nadal de Carlos Negreira non une; exclúe o galego e exclúe o cumprimento das leis”

O grupo local da asociación lamenta que os “complexos e prexuízos” do goberno municipal sirvan para “alimentar tópicos falsos” que “ridiculizan” a cidade nas redes sociais

“Na campaña de Nadal da Coruña teñen máis presenza Laponia ou as sevillanas que Galiza”, denuncia a entidade

A Coruña, 21 de decembro de 2012.- O grupo local da Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña considera “propia do esperpento” a clamorosa irrelevancia da lingua galega na campaña de Nadal posta en marcha polo goberno municipal de Carlos Negreira coa intención, segundo o propio executivo, de fomentar as compras no comercio local.

Un único letreiro luminoso en galego, coa frase “Bo Nadal”, no quiosco da Praza de Ourense e un único modelo das bandeirolas publicitarias penduradas das farolas dalgunhas das principais avenidas da cidade; aínda así “nunha proporción de seis a un” a respecto da cartelaría con lemas en castelán: “eis toda a presenza visual que ten a lingua propia de Galiza na campaña de Nadal do Concello”, denuncia o colectivo local da Mesa.

Pola contra, segundo puido contabilizar a entidade a través das queixas que lle están a facer chegar numerosas persoas veciñas de distintas zonas da cidade, tanto a inmensa maioría das mensaxes luminosas como a sinaléctica do poboado lapón da Praza de María Pita emprazada en diferentes puntos do centro ou o xornal gratuíto que se está a distribuír masivamente nas rúas, co nome Coruñavidad, “non inclúen nin unha soa palabra en galego”.

O grupo coruñés da Mesa denuncia tamén a presenza “sistemática” de nomes propios de lugares da cidade ou de fóra castelanizados “como nos mellores tempos do franquismo”: “o único que non se comprende é que se fale do Mercado das Conchiñas e non do de Las Conchitas”, ironiza a asociación, que advirte que esta práctica xa se produciu coa anterior campaña municipal ‘Con todo el amor del mundo’ e é frecuente na sinalización externa dos autobuses da Compañía de Tranvías, entre outros exemplos.

A deturpación da toponimia propia de Galiza nalgunha das mensaxes da campaña municipal de Nadal está a ter, ademais, importante repercusión en redes sociais como facebook ou twitter; especialmente no caso do lema “Yo soy de merluza del pincho. Pues yo de capón de Villalba”, onde xerou desde indignación a mofa e mesmo a todo tipo de brincadeiras e réplicas cheas de retranca.

O grupo local da Mesa lamenta profundamente que “os complexos, prexuízos e autoodio” do alcalde Carlos Negreira e do seu equipo sirvan para alimentar “falsos mitos e tópicos” sobre unha “suposta” hostilidade da Coruña contra a lingua e a cultura galegas que, na realidade, “nin existe nin nunca foi tal” por parte da inmensa maioría da súa sociedade civil, “nin no presente nin noutras etapas da historia”.

Porén, ao entender da asociación cívica en defensa do galego, determinado tipo de actitudes e políticas institucionais “non contribúen precisamente a proxectar unha imaxe positiva da Coruña, especialmente no resto do país, senón a illala máis de si mesma, do seu espazo natural”.

A Mesa da Coruña, que sempre apostou e apostará por unha cidade aberta, universal e acolledora desde a vivencia normal da nosa condición de urbe galega a partir do uso normal da nosa lingua, insta o Concello e o equipo de goberno do Partido Popular a planificar uns festexos de Nadal que non antepoñan “o lapón e as sevillanas” ao noso idioma e á nosa cultura.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra