A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa denuncia que a 1 de agosto “é imposíbel” obter programas das Festas de María Pita en galego

En el programa publicado se hace un guiño a los dos idiomas y se juega con cada uno de ellos”, responde o Consorcio de Turismo a través das redes sociais ás queixas cidadás que demandan a programación das festas en galego.

O grupo coruñés da maior asociación cultural de Galiza anima a toda a cidadanía a enviar correos de protesta á Concellaría de Cultura da cidade pedíndolle a Ana Fernández “poder gozar das nosas festas tamén na nosa lingua”

A Coruña, 1 de agosto de 2012.- O grupo local da Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña denuncia que a escasas horas do inicio oficial dos festexos “é misión imposíbel” atopar en galego a programación completa das Festas de María Pita 2012. Segundo a entidade cidadá foi comprobando nos últimos días, non por estaren esgotados ou por unha deficiente distribución, senón porque, tal e como o Consorcio de Turismo da Coruña recoñeceu nas últimas horas a través das redes sociais facebook e twitter a varias cidadás e cidadáns, nin sequera se chegaron a editar.

 

Se o ano pasado, por estas datas, a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, estreaba o seu cargo cunhas polémicas declaracións nas que anunciaba un novo deseño para as festas da cidade, xa que o anterior lle parecía “demasiado gallego”, o grupo local da Mesa “non dubida en darlle os parabéns por tan rápido éxito”, ironiza a asociación.

 

A delegación na cidade da maior asociación cultural galega lamenta que un ano máis as veciñas e veciños da Coruña paguen unhas festas “máis pensadas en querer compracer as persoas de fóra que o público da casa” nas que calquera contido galego e en galego é “no mellor dos casos, arrombado  a unha segunda categoría”. Unha concepción “errada” do que é o turismo, sostén A Mesa, pois é evidente que os públicos que escollen visitar A Coruña nas festas “desexan ver algo máis que touradas, cabalos andaluces bailando flamenco ou os mesmos concertos que xa poden ver nas súas cidades de orixe”. Por demais, a entidade cre que o Concello actúa “como se non existise turismo dentro do propio país” e non houbese persoas que visitan a cidade provenientes doutras vilas e cidades galegas.

 

A Mesa lamenta tamén que toda a presenza da lingua galega nas Festas de María Pita fique reducida aos lemas “A cidade que dorme de pé” e “Trouleando”, no entanto para todo o demais as linguas de referencia en exclusiva son o castelán e o inglés. Para a entidade, o goberno local de Carlos Negreira ten unha “concepción folclórica do galego máis próxima dos últimos anos do franquismo que do actual sistema democrático”: a lingua propia de Galiza é apta para “troulear”, mais non como vehículo normal de expresión e contacto coa cidadanía, menos aínda se esta vén de fóra.

 

A asociación destaca como “sintomático” que na edición da programación festiva en castelán, si amplamente difundida, se chegue ao extremo mesmo de “traducir denominacións amplamente consolidadas en galego desde hai anos”, como é o caso da Feira do Libro, a Feira das Marabillas na Cidade Vella ou mesmo o prestixioso salón Viñetas desde o Atlántico. Pola contra, respéctanse escrupulosamente as denominacións en inglés, como acontece coa Tall Ships Race.

 

A entidade cidadá a prol do idioma propio de Galiza denuncia que non se está a tratar o galego como unha verdadeira lingua oficial. O grupo local da Mesa sinala que “non son de recibo” respostas recibidas por veciñas e veciños da cidade a través das redes sociais desde o perfil de Turismo da Coruña ao solicitaren o programa das festas en galego: “En el programa publicado se hace un guiño a los dos idiomas y se juega con ambos” ou “Nas oficinas de Turismo temos os programas que máis demandan os visitantes, en castelán e inglés”, entre outras respostas polo estilo. “Subxace en todas elas a consideración de que, no mellor dos casos, o galego é unha lingua estranxeira máis, por tanto prescindíbel”, lamenta A Mesa, que recorda que “o uso dunha lingua oficial, mentres o sexa, non se pode someter a un simple criterio da demanda”.

 

A delegación da Mesa inicia, como xa fixera o ano pasado, unha campaña de envío de correos electrónicos á Concellaría de Cultura demandando “espazo para o galego” na actividade festiva da cidade. A entidade anima para este envío a toda a cidadanía “que desexa poder gozar das Festas de María Pita tamén na lingua propia de Galiza e da Coruña, independentemente de cal sexa a lingua que empregue habitualmente”. O correo-e da concellaría é cultura@coruna.es.

 

 

Podedes acceder a un modelo de correo de protesta nesta ligazón:

http://www.blogoteca.com/amesadacorunha/

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra