A Mesa pola Normalización Lingüística

“O galego é tratado como lingua de segunda” nas Festas de María Pita, denuncia A Mesa

A entidade cidadá lamenta que non sexa posíbel obter o programa en galego en formato papel en ningún punto de información turística o mesmo día de inicio oficial dos festexos

A asociación advirte que o Concello só está a difundir a versión en castelán do programa a través de páxinas web e redes sociais

“Un ano máis apóstase por un modelo de festas que tratan como ‘parente pobre’ o feito na casa e valoran máis o de fóra polo simple feito de ser de fóra”

A Coruña, 1 de agosto de 2013.- No día de hoxe dan comezo as Festas de María Pita, que se desenvolven na cidade por espazo de todo o mes, e un ano máis desde que tomou posesión como responsábel da área encargada do deseño dos festexos a concelleira Ana Fernández “demostra a súa teima en facer que non sexan unhas festas demasiado gallegas”. Así o considera o grupo de traballo da Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña, que denuncia o tratamento do galego como “lingua de segunda” tanto na programación deseñada pola Concellaría de Cultura como na actividade de difusión que da mesma se está a facer tanto na rúa como a través de páxinas web ou redes sociais.

 

Xa o ano pasado o Concello da Coruña non facilitara inicialmente versión en galego do programa das Festas de María Pita, o que obrigara A Mesa, ante as queixas de varias veciñas e veciños da cidade e de moitos visitantes doutros lugares de Galiza, a se dirixir ao goberno municipal demandando que os materiais informativos sobre a programación festiva estivesen a disposición do público tamén na nosa lingua. Finalmente o Concello atendera nesa ocasión esta demanda social, aínda que con varios días de retraso e coas festas xa comezadas.

 

Para este ano o goberno local conta cunha versión dixital da programación das Festas de María Pita en galego, porén só nunha versión reducida. O programa máis amplo parece estar só dispoñíbel na súa versión castelá, cando menos en soporte accesíbel ao público. O grupo de traballo da Mesa da Coruña está a comprobar, ademais, que dita versión en galego da programación só se está a facilitar a través dos perfís corporativos do Concello nas redes sociais (nomeadamente, a través da Concellaría de Cultura e de Turismo da Coruña) a quen expresamente llelo solicita. Pola contra, non se está a difundir a existencia desta versión en galego en pé de igualdade coa versión en castelán: se así se fixese, a xente sabería que pode acceder ao programa das Festas en galego sen necesidade de ter que o solicitar.

 

O grupo local da Mesa da Coruña vén de comprobar como si se repite o erro do ano pasado de non existiren programacións das Festas de María Pita en galego en soporte de papel a dispor do público nas oficinas e puntos habituais de información turística ou da Concellaría de Cultura da cidade. Aínda onte mesmo, o perfil corporativo de Turismo da Coruña na rede social twitter informaba a unha cidadá que a versión física do programa en galego estaría dispoñíbel “en cuestión de días”, mais sen especificar cantos. “Quen desexe informarse das festas da súa propia cidade en galego vaino ter que facer coas festas xa comezadas”, lamenta A Mesa.

 

A entidade cidadá en defensa do galego denuncia tamén, un ano máis, que o tratamento do galego como “lingua de segunda” é extensivo ao tratamento que en xeral se dispensa á nosa cultura propia e, moi especialmente, ao feito na casa. “O goberno municipal de Carlos Negreira é incapaz de superar un modelo cultural e festivo concibido para proxectar en primeiro lugar o de fóra, non porque sexa mellor senón simplemente por ser de fóra”, critica A Mesa. “Coa vontade de planificar os festexos pensando unicamente en compracer a xente que nos visita no verán chégase á ridiculez de dar por feito que o mérito dos produtos culturais radica non no contido, senón na súa procedencia foránea”, engade a asociación.

 

A Mesa anima o goberno municipal de Carlos Negreira a non dar por feito que todas as persoas que visitan A Coruña no verán, proveñan de onde proviren, comparten os prexuízos lingüísticos e culturais que os nosos responsábeis políticos locais albergan. A inmensa maioría da xente escóllenos precisamente pola nosa singularidade e por aquilo que de diferente lles podemos ofrecer. Deseñar as mesmas festas que poderían ter Málaga ou Salamanca, touradas incluídas, non parece que sexa o mellor reclamo turístico para quen vén buscando outros atractivos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra