A Mesa pola Normalización Lingüística

O grupo local da Mesa en Cambre demanda que a cartelaría das festas de Santa María estea en galego

“É a primeira vez en toda a actual etapa democrática que o galego é excluído do cartaz festivo”, denuncia a asociación cidadá en defensa da lingua

A Mesa lémbralle ao goberno de Manuel Rivas a vixencia da ordenanza municipal de uso do galego, aprobada na pasada lexislatura

Cambre, 18 de xullo de 2012.- O grupo local da Mesa pola Normalización Lingüística no concello de Cambre denuncia o “crecente desleixo” do goberno municipal do Partido Popular-Partido Galeguista Demócrata cara ao uso normalizado da lingua galega en todos os usos públicos e na actividade municipal da institución.

 

A entidade cidadá en defensa do galego vén de comprobar “con sorpresa” como o cartaz presentado polo Concello como o gañador do concurso en liña para o deseño da cartalería das Festas de Santa María de Cambre exclúe o uso da lingua propia do concello. “É a primeira vez en toda a etapa democrática que na cartelaría das festas non se usa o galego”, denuncia A Mesa.

 

Para o colectivo é “sintomático” da importancia que o alcalde Manuel Rivas e o seu equipo de goberno dan á lingua e á cultura propias de Galiza “o feito de que unha iniciativa privada, como é o Festival Brincadeira, faga toda a súa cartelaría en galego con toda normalidade” mentres, pola contra, unha institución pública como o Concello “opta por esquecelo e ocultalo”.

 

Segundo o grupo cambrés da Mesa “non é novidade” a “desconsideración” do goberno local cara á lingua galega. “Abonda cunha visita rápida á versión en galego da páxina web municipal para comprobar que, ademais de todo tipo de erros lingüísticos, determinadas informacións como a da tramitación do PXOM soamente se poden consultar en castelán e chégase a extremos como o de falar da piscina municipal de *La Barcala”. Para alén de todo isto, a asociación sinala que a vixente ordenanza municipal de uso do galego “nin sequera está dispoñíbel no apartado correspondente da páxina web municipal”.

 

A delegación cambresa da maior asociación cultural de Galiza solicítalle a todos os grupos municipais da corporación que exixan do goberno local do PP-PGD o cumprimento da ordenanza de normalización e que o galego estea presente en todos os espazos públicos do Concello de Cambre.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra