Onte celebrouse un pleno no Concello de A Coruña no que se debateron propostas achegadas para a normalización da lingua galega
Celia Armas: “Esperamos que se abra unha nova etapa para o galego na cidade das Irmandades Fala”
A Coruña, 8 de novembro de 2016-. O pasado 2 de xullo do 2015, A Mesa pola Normalización Lingüística entrevistábase co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, para avaliar a situación da normalización da lingua galega no concello da Coruña. Naquel encontro a Mesa entregoulle un decálogo no que se mostraban as medidas urxentes respecto a este tema para que foran asumidas polo novo goberno.
Estas accións foron lembradas recentemente nun escrito enviado a todos os grupos municipais, o que motivou a proposta de moción presentada pola concelleira do BNG Avia Veira e debatida no pleno.
Finalmente, no pleno de onte, aprobouse a moción da aplicación do Plan de Normalización da Lingua Galega cos votos favorábeis de PSOE, Marea Atlántica e o BNG. Pola contra, o PP mostrouse contrario á proposta.
Dende A Mesa, agárdase que se cumpra esta aprobación e que nun futuro a cidade da Coruña sexa un exemplo da normalización do galego.
A responsábel da entidade pola normalización na Coruña, Celia Armas, mostrou a súa esperanza en “que se abra por fin unha nova etapa para o galego na Coruña, a cidade das irmandades na que naceu a reivindicación da lingua de Galiza”. Sinalou ademais a disposición da Mesa na Coruña a colaborar en todo canto for preciso para este cambio de rumo a favor do galego, e parabenizou os grupos apoiantes.