Marcos Maceira: “temos o compromiso de que a capital de Galiza fará honra á súa condición e retomará as accións a favor da lingua propia abandonadas nos últimos anos”
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2015-. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o Alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mantiveron hoxe un encontro onde se retomou, despois de catro anos, a relación entre o concello compostelán e a entidade en defensa da lingua no que, segundo sinalou o alcalde “foi unha primeira toma de contacto para comezar a normalizar o que xa de por si debería estar normalizado, como é unha relación fluída entre a capital do país e unha institución como a Mesa que leva anos batallando pola normalización do idioma”.
Este encontro prodúcese dentro da rolda de contactos que A Mesa está a establecer cos diferentes concellos para impulsar accións concretas a favor do galego, e “conseguir que as institucións municipais ocupen o espazo a favor do idioma que a actual Xunta está deixando baleiro”, segundo sinalou Marcos Maceira.
Neste sentido, Maceira e Noriega falaron a respecto da necesidade de que a capital de Galiza voltase á referencialidade perdida na normalización da lingua galega e a recuperar a iniciativa retomando actitudes favorábeis á lingua no conxunto da acción municipal, nomeadamente coa reactivación do Plan Municipal de Normalización Lingüística con cuxo desenvolvemento se comprometeu o alcalde xunto coa proposta de Compromiso de aplicación do Plan xeral de normalización da lingua galega nos Concellos e Deputacións impulsada pola Mesa.
O presidente da Mesa resaltou a vontade manifestada polorexedor compostelán de que a capital de Galiza fará honra á súa condición situándose tamén á cabeza da defensa, promoción e impulso do idioma.
Martiño Noriega reiterou a súa disposición a colaborar coa Mesa pola Normalización Lingüística e atender as súas propostas, así como “a ser facilitadores do que debe ser algo normalizado como a defensa do noso idioma”. Do mesmo xeito, recoñeceu o labor de fiscalización que a Mesa pode realizar respecto a eses compromisos.