A Mesa pola Normalización Lingüística

Veciñas compostelás procedentes de fóra de Galiza reclámanlle a Conde Roa que fale en galego

O acto fíxose coincidir co aniversario de que Ánxel Casal iniciase a tradición democrática de os alcaldes de Compostela falaren en galego no exercicio do seu cargo.

Hai xusto 76 anos, Ánxel Casal foi o primeiro alcalde da Galiza contemporánea que falou en galego nun acto institucional.

Un grupo de veciñas de Santiago de Compostela procedentes da Bretaña, a Arxentina e Cataluña acompañaron hoxe ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística para lle solicitar ao alcalde da cidade que “use o galego oralmente e por escrito” no exercicio do seu cargo. Esas veciñas salientan que, malia naceren fóra de Galiza, saben falar en galego, queren que o galego se poida usar con normalidade, que se promocione desde as institucións e, por tanto, reclaman que o alcalde de Compostela tamén o fale.

Para iso, entregaron un escrito no rexistro do Concello no día en que se celebra o aniversario de que un alcalde utilizase por vez primeira o galego nun acto institucional. Iso aconteceu o 23 de febreiro de 1936, cando Ánxel Casal foi nomeado presidente da corporación. A acta do Concello, nun momento en que o galego aínda batallaba por ter o recoñecemento da oficialidade, recólleo así: “Ya en la presidencia el nuevo Alcalde pronuncia en gallego unas breves palabras agradeciendo el honor que con el cargo recibía y anunciando la imparcialidad con que lo ejercería.” Desde ese momento até que a insurrección franquista llo impediu, Casal utilizou o galego con normalidade, a pesar de que o idioma propio do país aínda estaba proscrito legalmente.

Carlos Callón salientou que, desde febreiro de 1936, todos os alcaldes democráticos de Santiago de Compostela falaron en galego no exercicio das súas responsabilidades e que a única excepción se produce nestes momentos en que Xerardo Conde Roa se nega a utilizalo de forma habitual, polo que o instou a “rectificar”.

O presidente da Mesa tamén alentou a que “todas as alcaldesas e todos os alcaldes da Galiza de hoxe tomen exemplo da actitude de compromiso coa nosa cultura e co noso idioma que simboliza Ánxel Casal”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra