A Mesa de Bergantiños presentou un estudo sobre o estado dos topónimos na sinaléctica pública da comarca

172 topónimos da comarca de Bergantiños non respectan a súa forma oficial

Xosé Cotelo reclamou aos gobernos locais que exerzan a súa respondabilidade moral “para asegurarmos a conservación e transmisión dos nosos nomes de lugar ás vindeiras xeracións sen alteracións nin deturpacións”.

Marcos Maceira: “A deformación e hibridación da nosa toponimia é unha das secuelas do proceso de substitución e exclusión do seu territorio natural que o idioma da Galiza leva séculos padecendo”

Bergantiños, 21 de marzo de 2014.- A sección da Mesa pola Normalización Lingüística en Bergantiños presentou hoxe publicamente os resultados do traballo que veu realizando durante os últimos meses identificando os topónimos grafados incorrectamente na sinaléctica pública dos sete concellos que forman esta comarca. Na presentación, que tivo lugar esta sexta feira no Pazo da Cultura de Carballo, participaron Marcos Xosé Seoane, vogal da asociación veciñal “Campo da Feira” de Paiosaco (A Laracha), Xosé Cotelo, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na comarca de Bergantiños e Marcos Maceira, membro da Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística. O traballo mostra un resultado de 172 nomes de entidade de poboación rotulados incorrectamente repartidos por concellos do seguinte xeito: A Laracha (61), Coristanco (34), Cabana (22), Carballo (16), Ponteceso (16), Laxe (16), Malpica (7).
Graficas
Xosé Cotelo sinalou que neste informe se recolle unha variada casuística de erros, que van desde deturpacións vergonzantes como “Puenteceso”, “Valencia”, “Aguarrey” ou “O Regengo”, a outros casos con vacilacións gráficas, omisións do artigo que forma parte do topónimo ou erros de acentuación, que evidencian o desleixo das diferentes administracións ao rotular os nosos nomes de lugar.

A Mesa de Bergantiños dirixiuse por escrito a todos concellos da comarca indicándolles a rotulación incorrecta localizada en cada concello e lembrándolles que a Lei de normalización lingüística estabelece no seu art. 10 que “Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, que “corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos núcleos de poboación” e que “estas denominacións son as legais a todos os efectos e as rotulacións terán que concordar con elas”. Do mesmo xeito, lembroulle que todos os nomes de entidades de poboación dos concellos coruñeses están fixados desde hai xa máis dunha década no Nomenclátor, aprobado polo goberno galego mediante o “Decreto 189/2003 do 6 de febreiro polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña”.

Neste senso, Xosé Cotelo valorou positivamente a resposta dos responsábeis do Concello de Carballo, xa que foron os únicos que se interesaron por este traballo da Mesa e que se comprometeron a corrixiren nas próximas semanas a sinaléctica incorrecta. Tamén o Concello de Ponteceso respostou afirmando  que corrixirá a sinaléctica, mais sen especificar prazos. Porén, Cotelo lamentou a actitude do resto dos alcaldes da comarca, que “fan ouvidos xordos das solicitudes da asociación para corrixiren os sinais errados, así como da Deputación e a propia Xunta, tamén titulares de varios dos rótulos afectados”.

O responsábel da Mesa en Bergantiños criticou a deixadez e despreocupación con que as distintas administracións públicas galegas, maioritariamente os concellos, tratan os nomes de entidades de poboación: “son situacións que deberían estar xa amplamente superadas sen ofrecer ningún tipo de dúbidas ao respecto” e cualificou a deturpación dos  topónimos galegos como “minusvaloración do noso e desprezo á cultura e á lingua galega”.

O responsábel da Mesa en Bergantiños lembrou que “A toponimia é un patrimonio inmaterial que atesoura parte da historia do pobo galego” e reclamou aos gobernos locais que “exerzan a súa responsabilidade moral, como representantes das galegas e dos galegos nos concellos, usando correctamente as formas oficiais das entidades de poboación”. Rematou exixíndolles  o cumprimento da lexislación vixente “para asegurarmos a conservación e transmisión dos nomes de entidade de poboación ás vindeiras xeracións sen alteracións nin deturpacións”.

Pola súa banda, Marcos Maceira, membro da Comisión Permanente da Mesa, lembrou que “a deformación e hibridación da nosa toponimia é unha das secuelas do proceso de substitución e exclusión do seu territorio natural que o idioma da Galiza leva séculos padecendo”. Por este motivo salientou o traballo exemplar que as socias e socios da Mesa na comarca de Bergantiños veñen desenvolvendo neste ámbito, e lembrou que practicamente todos os avances que se deron na dignificación e recuperación de espazos para a nosa lingua son “froito do esforzo da cidadanía consciente e non do traballo da administración, que adoita ir por detrás da sociedade, cando non se converte nun dos principais obstáculos para avanzarmos, como na actualidade acontece co Goberno de Feijóo”.

Así, Maceira lamentou que a Secretaría Xeral de Política Lingüística continúe de costas viradas á súa responsabilidade, malia o mandato taxativo da Lei de normalización lingüística. “É inconcibíbel que 30 anos depois da entrada en vigor desta Lei nin tan sequera se teña superado algo tan básico como o respecto aos nosos nomes de lugar”, sinalou o dirixente da Mesa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra