Xosé Mª Cotelo, responsábel da zona de Bergantiños da Mesa, rexistrou un escrito no Concello para solicitar a modificación dos rótulos co fin de que non exclúan a nosa lingua propia.
A Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños denunciou a exclusión e marxinación do galego en toda a sinalización vertical do parque empresarial da Laracha, na que até en trinta e sete ocasións “CALLE” substitúe a “RÚA”.
Xosé Mª Cotelo, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona de Bergantiños, considerou inaceptábel que no Concello da Laracha “se dean estas situación de exclusión e marxinación da nosa lingua propia na sinalización das nosas vías ao tempo que se se incumpre a lexislación creada para promover e normalizar o uso da lingua galega”.
A Mesa denunciou que o Concello está a incumprir a actual lexislación en materia lingüística, que recoñece a necesidade de impulsar a normalización lingüística desde as distintas administracións galegas, incluída tamén a administración local. O propio Estatuto de Autonomía, aprobado hai xa máis de trinta anos, estabelece que o galego é a lingua propia de Galiza e insta a que os poderes públicos garantan “o uso normal e oficial dos dous idiomas” e potencien “o emprego do galego en todos os planos da vida pública”.
Neste sentido, A Mesa de Bergantiños solicitou a modificación de todos os rótulos para que figuren escritos na lingua propia de Galiza.