A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa das Pontes amosa a súa decepción pola reedición facsímile de “Historia de Puentes de García Rodríguez”

A responsábel da Mesa, Mónica da Silva, dirixiuse ao alcalde para lamentar que a corporación ignorase a proposta da Mesa e mais da Asociación de Estudos Históricos HUME de facer unha nova edición corrixida e traducida ao galego, tal como era desexo do autor do volume.

Ao coidado do Alcalde-presidente da corporación municipal, Sr. Valentín González Formoso

 

Moi señor meu:

 

Dirixímonos a vostede dende a Mesa pola Normalización Lingüística por mor da nova publicación do libro Historia de Puentes de García Rodríguez, que vostede anunciou na homenaxe a D. Enrique Rivera Rouco polo décimo aniversario do seu pasamento. Esta nova causou unha grande decepción entre os membros da nosa asociación, xa que isto significaba que a proposta presentada había tempo aos seus compañeiros de corporación Antonio Castro e Sara Ramos fora totalmente ignorada.

 

Como saberá, a intención e o desexo de D. Enrique sempre foi que a súa obra estivese escrita en galego, cousa que non se fixo dende un principio polo medo do propio D. Enrique e das persoas que transcribiron o libro a cometer erros escribindo nunha lingua na que, desgrazadamente, non foran alfabetizados.

Coñecedores deste feito, os membros da Mesa decidimos ter unha xuntanza coa Asociación de Estudos Históricos HUME  para ofrecer ao Concello unha proposta que consideramos ben atractiva: a tradución do texto á nosa lingua xunto con outra serie de melloras no propio contido da obra. Suxeriuse a modificación das imaxes por outras de maior calidade e resolución así como a posibilidade da inclusión dun anexo no que HUME inseriría actualizacións de datos e/ou comentarios sobre certos erros do texto orixinal.

 

Consideramos que esta opción pode ser bastante máis proveitosa tanto para o Concello como para todos os habitantes e posibles visitantes da nosa vila, polo que lle pregamos que rexeite a idea do facsímile e se decante polo proxecto que lle estamos a ofrecer.

 

Agardando a súa pronta resposta, reciba un cordial saúdo.

 

 

Mónica da Silva Beceiro 

 

Responsable local A Mesa pola Normalización Lingüística – As Pontes

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra