Carlos Outeiro, reponsábel da Mesa de Ferrol: “o que compre agora é afortalar e aplicar a ordenanza e o Plan de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol
Marcos Maceira: “compre a unión e esforzos do conxunto da sociedade para repor, rehabilitar e resituar o galego e transformar os acordos en realidade”
Ferrol, 30 de outubro de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística deu hoxe os parabéns aos grupos que onte votaron en contra da moción presentada polo grupo municipal de Ciudadanos que pretendía inhabilitar o uso do galego no concello de Ferrol. Ademais, anímaos a manter esa liña de defensa e reivindicación do idioma transformando os acordos en realidade para que deixen por fin de ser papel mollado.
A Mesa xa viña de remitirlles un escrito a todos os grupos municipais do concello de Ferrol, e nomeadamente ao grupo de goberno, instándoos a potenciar a aplicación e cumprimento da Ordenanza municipal de Normalización Lingüística de Ferrol, xunto coa toda a lexislación que ampara a oficialidade da lingua galega, especialmente a 5/1988 sobre o uso do galego como lingua oficial de Galiza polas administracións locais, e outras disposicións legais tamén citadas na Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua galega asinada por máis de 12 organización políticas e á que se adheriu o Concello de Ferrol no Pleno do 30 de xullo.
Marcos Maceira, presidente da Mesa, indicou que “O único que reflectía a moción de Ciudadanos é odio ao galego, a Galiza e a Ferrol, insultando a nosa intelixencia e negando o que a evidencia e todos os estudos realizados indican: que a situación da lingua galega no concello de Ferrol mostra que a posibilidade de usar e de facer unha vida normal en galego está moi limitada, tamén na administración local”. Para o presidente da Mesa, se queremos rematar con isto “cómpre a unión e esforzos do conxunto da sociedade para repor, rehabilitar e resituar o galego, transformando os acordos en realidade.
Para o responsábel da Mesa en Ferrol, Carlos Outeiro “o que compre agora é afortalar e aplicar tanto a ordenanza municipal de normalización como o Plan de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, tamén no que ten a ver coa convocatoria do Consello cidadán de normalización paralisado nos últimos anos. Este consello debedebe ser unha ferramenta para a participación e implicación do conxunto do pobo ferrolán na normalización da lingua galega”.