A Mesa rexeita a parálise e manipulación do Consello Municipal da Lingua de Ferrol



A organización en defensa do idioma denuncia o veto ás súas propostas de inclusión de temas na orde do día


A Mesa indígnase pola utilización que o PP fai dun dos fundadores da propia Mesa

Ferrol, 10 de marzo de 2014.- Desde a Área de Alcaldía do concello de Ferrol veñen de convocar unha sesión extraordinaria do Consello Municipal da Lingua (CML) para o vindeiro día 12. Esta convocatoria prodúcese un ano despois da anterior xuntanza, malia estar estipulado que as reunións se deben convocar trimestralmente. Dúas xuntanzas en dous anos cun idéntico punto na orde do día: “Aprobación da proposta de solicitude á RAG de dedicación do Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero”.

 

A maior asociación cultural galega apoia desde sempre a candidatura de Ricardo Carvalho Calero  para o Día das Letras. Porén, A Mesa amosou a súa indignación ao comprobar como se utiliza a figura dun dos principais intelectuais galegos do século XX (e, ademais, un dos fundadores da propia Mesa) para tratar de enmascarar o baleirado de contido a que a Área da Alcaldía de Ferrol somete o funcionamento do Consello Municipal de Lingua. Así, a organización en defensa do idioma denunciou que desde a Área da Alcaldía se ignora o pedimento de inclusión na orde do día dunha valoración do grao de aplicación do Plan e mais da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística do Concello. A Mesa denunciou que non só se ignoran estas solicitudes, senón que mesmo se obvia na orde do día desta convocatoria extraordinaria a posibilidade de abrir unha rolda de intervencións ao final da mesma.

 

Neste sentido, Carlos Outeiro, responsábel da Mesa na comarca de Ferrol, afirmou que  “acudiremos á xuntanza do día 12 e demandaremos a celebración urxente dunha outra xuntanza na que faga parte da orde do día a nosa proposta”. Outeiro sinalou que o democrático proceso de normalización da nosa lingua está falto de iniciativas que o activen en todos os eidos da nosa realidade cotiá: infancia, xuventude, lecer, medios de comunicación, mercado laboral… “mais nada disto se puido debater no seo do CML nos últimos dous anos polo veto do PP de Ferrol”.

 

Deste xeito, “mentres o PP fai estas manobras, o proceso de substitución do galego polo castelán no concello avanza sen pausa, dificultando a necesaria recuperación do noso idioma para todos os usos e espazos” critican desde A Mesa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra