A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa traslada a súa indignación e repulsa polo desprezo do PP de Ferrol ao galego

A asociación cidadá propón que o alcalde de Ferrol substitúa o responsábel de Normalización Lingüística

 

Ferrol, 28 de setembro de 2012.- A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia o esperpento no que se converteu o PP de Ferrol a respecto do cumprimento da normativa municipal.

No pasado Pleno municipal mentres se debatía sobre a falta de apoio do goberno español ao sector naval, 4 grupos políticos defenderon as súas posicións a respecto desta problemática galega utilizando a lingua que nos une e define como galegas e galegos. Mais houbo unha das opcións políticas, o PP, que obviando o democrático proceso de normalización lingüística evitou o galego para utilizar o omnipresente castelán.

Se isto foi pouco afortunado, o feito de que o incumprimento da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística fose perpetrado polo responsábel desa área no propio concello motivou a indignación e repulsa da meirande asociación cultural galega, A Mesa pola Normalización Lingüística.

Carlos Outeiro, responsábel da Mesa na comarca, pídelle ao Alcalde de Ferrol que “cando delegue unha competencia fágao só se a persoa que a asume está disposta a traballar pola mellora do noso concello e por trasladar cara a fóra da nosa comarca unha imaxe de seriedade e respecto á normativa legal vixente”. Como o señor Vilariño Anca achega claras mostras do contrario A Mesa pídelle ao Alcalde “o cese das súas funcións como responsábel de Normalización Lingüística“.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra