A Mesa pola Normalización Lingüística

FERROL.- A Mesa alerta do retroceso do galego na FIMO

Malia o apoio económico de administracións galegas o noso idioma propiofoi desprazado polo castelán

“As administracións sosteñen a quen despreza o noso idioma”, sinala Carlos Outeiro, responsábel ferrolán da Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Ferrol, a través do seu responsábel, Carlos Outeiro, vén de presentar unha queixa ante o Instituto Galego de Consumo da Consellaría de Industria por un novo retroceso na presenza pública da lingua galega.

Neste ano 2011 a Feira Internacional de Mostras do Noroeste (FIMO) realiza a súa publicidade en castelán excluíndo o galego. Insercións en xornais, cartelaría, sinaléctica varia, información persoal, … exclúe o galego malia a FIMO recibir apoio económico de diversas institucións galegas: Xunta de Galiza, Deputación da Coruña, Concello de Ferrol ou Cámara de Comercio.

Desde o ano 1994 en que este organismo adopta o actual nome FIMO (repárese en que fai referencia a Mostras non Muestras) a utilización do galego na súa publicidade foi normal até este ano, no que atopamos que é desprazado polo castelán, o que constitúe unha outra lesión nos dereitos lingüísticos da nosa sociedade.

Segundo explica Carlos Outeiro, utilizar o galego significa “nada máis e nada menos que o cumprimento da normativa legal municipal –Ordenanza de Normalización Lingüística- ou por exemplo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego no ano 2004”. No caso que nos ocupa, sinala, “as administracións sosteñen economicamente a quen despreza o noso idioma”.

A Mesa demandou da organización de FIMO coñecer as medidas a impulsaren para evitar esta situación en anos vindeiros. Aliás, trasladará a queixa ao Concello de Ferrol e á Deputación da Coruña pola utilización dos cartos públicos en iniciativas e actividades que exclúen o galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra