Plataforma Queremos Galego!

Queremos Galego de Ferrol participará na concentración contra a LOMCE convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Queremos Galego de Ferrol agradece a participación na exitosa manifestación nacional do pasado domingo en apoio ao galego no ensino

Denuncia que o Ministerio español pretende lexislar para pór atrancos ao futuro do galego

Ferrol, 30.01.2012.- O pasado domingo as rúas de Compostela enchéronse de galegofalantes e castelanfalantes rexeitando que a administración galega dificulte o coñecemento do galego e cree conflitos co noso idoma e, esixindo a derrogación inmediata do decreto que regula a presenza do galego no ensino.

 

Logo da seis sentenzas do TSXG, seis, declarando ilegais os principais artigos do Decreto que o PP impuxo para reducir o galego nas aulas, a actual administración galega ven de as recorrer ao límite do prazo legal (2 meses) evidenciando máis unha vez que o que pretende é manter vixente o máximo tempo posíbel unha normativa que desprotexe o galego.

 

Isto fai parte dunha ofensiva do PP contra calquera lingua que lle poda restar visibilidade ao castelán ao que se engade a LOMCE que pretende impor o Ministerio de Educación. Neste proxecto de lei estatal preténdese pasar como legal que após realizar unha estratificación das materias en relación á súa importancia, o castelán sexa unha materia de primeira e o galego, o euskera e o catalán pasen a unha clasificación de terceira. Isto é o que o PP entende por igualdade e convivencia, sitúa o noso idioma propio na derradeira posición e pretende que o aplaudamos.

 

Este proxecto de lei pretende evitar que na normalización das linguas das nacións presentes no estado español se poda utilizar o método máis exitoso para aprender un idioma, a inmersión lingüística, mais non así para outros idiomas pois en ningún intre pretenden evitar aulas  que vehiculicen a cultura universal desde o castelán, inglés, francés, alemán…

 

A Plataforma galega en defensa do Ensino Público fai un chamamento á poboación da nosa comarca a se concentrar xoves 31 ás 19:30 h perante ao Edificio administrativo da Xunta para envidenciaren que non é este o modelo de sociedade na que queren educar ás súas fillas e fillos. Queremos e necesitamos un ensino que forme nos valores do respecto á diversidade e no coñecemento, e non na ignorancia do que somos e no que falamos.

 

QUEREMOS GALEGO de Ferrol estará na concentración e anima a participar a todas as nosas veciñas e veciños.

 

Día: 31 de xaneiro

Hora: 19:30

Lugar: perante o Edificio administrativo da Xunta de Ferrol

 

Estas concentracións realizaranse de xeito paralelo no resto das sete cidades, en Carballo, Lalín e mais O Barco de Valdeorras. Podes consultar os lugares e a información completa aquí.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra