A entidade cidadá xa presentara o ano pasado, conxuntamente coa Asociación Cultural Cultura do País, unha iniciativa para substituír o nome do “Jefe Provincial del Movimiento” Ramón Ferreiro polo do poeta monfortino Lois Pereiro.
Lugo, 7 de novembro de 2012.- A MESA pola Normalización Lingüística da zona de Lugo, en asemblea ordinaria reunida antonte 5 de novembro, acordou parabenizar o goberno do Concello de Lugo pola iniciativa anunciada polo concelleiro nacionalista Antón Bao de restaurar a convivencia e o consenso democrático eliminando do rueiro da capital lucense os nomes de representativas figuras da ditadura franquista.
A MESA de Lugo quere lembrar que hai un ano, conxuntamente coa Asociación Cultural Cultura do País, xa presentara unha solicitude para mudar o nome da avenida dedicada ao “Jefe Provincial del Movimiento”, Ramón Ferreiro, suxerindo dedicarlla ao poeta de Monforte, Lois Pereiro. A MESA mantén a devandita suxestión para que sexa avaliada pola correspondente Comisión municipal de rueiro no proceso de normalización democrática que agora se inicia. (Máis información daquela iniciativa de 2011 en: http://culturadopais.blogaliza.org/2011/10/31/avenida-lois-pereiro/)
A MESA de Lugo apoia e amosa deste xeito a súa alegría por unha decisión valente e coherente cos desexos da poboación lucense, que maioritariamente avala que se dignifiquen os valores democráticos e a memoria das vítimas da persecución fascista. A MESA de Lugo é consciente de que os pequenos inconvenientes que poidan supor estas mudanzas son insignificantes comparados co exercicio de dignidade que supón culminar un proceso de restauración democrática pendente desde hai décadas.